Galarreta volveu estar entre os mellores na Santikutz Klasika

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Os corredores da entidade miñorán na Santikutz Klasika.

Unha vez máis David Galarreta formou parte do grupo dos elixidos na Copa de España, pero de novo a sorte deulle as costas nos metros finais. Nesta ocasión, na Santikutz Klasika, o xefe de filas do Club Ciclista Rías Baixas saíuse da estrada cando estaba a se preparar para sprintar pola segunda praza. O triunfo en solitario conseguiuno Antonio Gómez (Caja Rural) na localidade guipuscoana de Legazpi e o representante máis destacado da entidade presidida por José Luis Chamorro ocupou a decimonovena posición.

O ex profesional cántabro moveuse nos postos de cabeza desde o inicio dos 150 quilómetros desta sétima e antepenúltima xornada da Copa de España. A choiva endureceu aínda máis o esixente trazado, con oito portos, desta clásica que celebrou a súa 85ª edición. O alto de Azkarate, de 3ª categoría no km 24, era a primeira subida puntuable e Galarreta coroouna en terceira posición.

Houbo que esperar ata case o ecuador da carreira para que callase unha escapada. Dezaoito ciclistas marcháronse por diante e chegaron a gozar dunha renda de 3 minutos. No pelotón tocoulle traballar aos pupilos de Iván Rodríguez, que foron reducindo a desvantaxe en colaboración co Supermercados Froiz.

O grupo principal, que quedou reducido a 21 unidades, neutralizou a todos os fuxidos excepto a un. Antonio Gómez venceu en solitario con 42 segundos de marxe sobre os seus perseguidores. Por detrás, estableceuse unha pugna pola segunda praza e na aproximación ao sprint final Galarreta subiuse ao bordo dunha rotonda, quedando relegado ao 19º posto. A fortuna non volveu acompañar ao cántabro, despois de que na anterior proba da Copa de España, o Ridley-Memorial Pascual Momparler, fósese ao chan dentro do últimos dez quilómetros.

A actuación do Club Ciclista Rías Baixas na Santikutz Klasika completárona o surafricano Eddie Van Heerden, 27º a 1:29, e Ignacio Zamanillo, 59º a 5:30. Á estrutura miñorana correspondeulle o décimo posto na clasificación por equipos. A Copa de España regresará este domingo coa III Classica Xavi Tondo en Valls (Tarragona).

Anuncios