Comeza a tempada de pesca para o salmón e o reo nos ríos galegos

A tempada de pesca para o salmón e o reo comeza hoxe nos ríos galegos e rematará con carácter xeral o vindeiro 31 de xullo. Nos coutos de reo e naqueles tramos de pesca sen morte situados tanto en masas de auga salmoneiras como de reo, a campaña prolongarase ata o 30 de setembro.

Con respecto ao número de capturas de salmóns permitido, este ano o límite queda fixado en 1 exemplar por pescador e día, cunha talla mínima de 45 centímetros. En canto ao reo, con carácter xeral só se autorizan 5 exemplares diarios a cada pescador, sempre que cumpran coa medida mínima de 35 centímetros. Nos tramos compartidos do Eo, a talla mínima legal do reo redúcese a 25 centímetros.

Esta tempada as cotas totais de capturas por ríos quedan fixadas en 8 exemplares no caso do Miño (couto de Frieira), 10 no Lérez, 60 no Ulla, 5 no Mandeo, 15 no Masma e 10 no couto de Salmeán do río Eo, no que non hai cota total nos tramos acoutados por debaixo do mesmo.

Por outra banda, nas masas de auga declaradas como salmoneiras este ano só está autorizado o uso de engados artificiais, salvo a miñoca e o camarón para o salmón. No caso do río Eo, desde o 1 de xuño prohíbense o uso da culleriña, do devón e mais dos peixes artificiais e semellantes; e a partir do 16 de xuño, só se poderá utilizar mosca artificial.

Así mesmo, cómpre lembrar que como en tempadas anteriores, os luns serán días inhábiles para a pesca fluvial na comunidade, agás aqueles que coincidan con festivos nacionais ou autonómicos; e os xoves laborais a práctica deste deporte quedará restrinxida tan só á modalidade de pesca sen morte.

Cómpre ter en conta que durante toda a tempada só se poderá pescar no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da súa posta. Por este motivo, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aconsella aos interesados que consulten na páxina web de MeteoGalicia os horarios oficiais do amencer e do ocaso.