Mozos dos programas “Xuventude no Mundo” e Erasmus+ visitan Baiona

Esta mañá o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a Concelleira de Educación e Xuventude, Beatriz González, recibiron no Concello a un grupo de mozos que participan nun intercambio do programa “Xuventude no Mundo” da Xunta de Galicia e no programa europeo Erasmus+.

O Alcalde e a Concelleira deron a benvida aos mozos resaltando a importancia destes proxectos internacionais, xa que á parte do intercambio cultural e de idioma, serve tamén para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en varios países europeos. Os intercambios serven para afianzar os lazos entre diferentes lugares de Europa.

Rodal e González explicáronlles a historia da Real Vila, informándolles de que Baiona sempre foi un pobo de acollida que hai 525 anos recibiu á Carabela Pinta converténdose no primeiro lugar do vello mundo en ter coñecemento do descubrimento de América.

Ata Baiona viñeron un total de 62 mozos de entre 18 e 30 anos procedentes de lugares como Sicilia, Venecia, Xeorxia, Grecia ou Portugal. O Departamento de Turismo preparoulles unhas bolsas con información turística do lugar que o Alcalde e a Concelleira entregaron a cada un dos mozos e aos seus profesores acompañantes.

Tras a visita ao consistorio baionés os mozos fixeron un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da Real Vila como o Parador, a Fortaleza de Monte Real e o Centro histórico, para terminar, como broche final da visita, cun percorrido pola Casa da Navegación de Baiona e polo museo flotante da Carabela Pinta.

Anuncios