Sin categoría

Peches ao tráfico na estrada entre Gondomar e A Ramallosa para executar traballos na calzada

A Xunta pechará ao tráfico o carril esquerdo da estrada entre Gondomar e A Ramallosa (PO-340) entre os vindeiros días 2 e 4 de maio para executar traballos na calzada, no marco do proxecto do itinerario peonil e ciclista.

Este corte parcial de carril levarase a cabo entre os puntos quilométricos 17+650 e 21+360 da citada estrada. A regulación da circulación realizarase mediante semáforos durante as horas indicadas.

O peche é necesario para efectuar traballos de limpeza e desbroce do terreo, movementos de terras ou demolicións de firmes.

Estes traballos están enmarcados na execución dunha senda, de 3,5 km de lonxitude, que se construirá pola marxe esquerda da estrada PO-340, comezando onde rematan as beirarrúas de Gondomar e finalizando no Pq. 21+360, conectando coas beirarrúas da Ramallosa, no concello de Nigrán.

Esta actuación está enmarcada no Plan de sendas de Galicia na comarca de Vigo, na que a Xunta executará 12,5 quilómetros de novas sendas cun orzamento duns 5 millóns de euros, co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos Feder para o período 2014 -2020.