O Concello de Baiona subscribe un convenio co Erizana por valor de 19.500 €

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal e Manuel Goce tras a firma do convenio.

O Concello de Baiona, a través do seu alcalde, Ángel Rodal, e o Erizana Club de Fútbol, representado polo seu presidente, Manuel Goce Ratel, asinaron como en anos anteriores un convenio de colaboración co fin de establecer as bases de cooperación entre ambas as dúas entidades.

O acordo, que inclúe unha achega de 19.500 €, recolle que o Concello e a Sociedade Deportiva teñen como fin común o mantemento das instalacións, o impulso ao deporte, a actividade física e a educación integral dos nenos e nenas do municipio, polo que resulta acertado establecer “unha colaboración estreita” para conseguir estes obxectivos.

“O apoio aos clubs locais é unha constante na política municipal”, sinalou Rodal, que ademais avanzou que a licitación da reforma do campo do Aral atópase xa na última fase. O proxecto, cun importe próximo aos 250.000 €, contempla a substitución da herba sintética e varias actuacións máis co obxectivo de que a instalación deportiva quede nun estado de conservación óptimo.