Nigrán inicia as obras do parque Mestre Xosé Vázquez Grela no centro do municipio

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Obras do parque Mestre Xosé Vázquez Grela.

O Concello de Nigrán iniciou as obras para habilitar un gran parque público no centro do municipio, «Xosé Vázquez Grela”, na Avenida Val Miñor, ao carón da pequena praza co mesmo nome (correspóndese ao mestre republicano de Nigrán asasinado en 1936). Este novo lugar de recreo conta cun investimento de 50.600 € a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e se ampliará nun futuro con 3.530 metros cadrados máis procedentes da cesión de zona verde da urbanización que está a desenvolver ao carón do parque “Promociones Montegaliñeiro”.

«Trátase de recuperar espazos públicos para o uso cidadán, lugares de convivencia para todas as idades, algo do que precisamente o centro de Nigrán carece e que consideramos prioritario no noso goberno», sinala o alcalde, Juan González, quen recorda que dentro do mesmo Plan Concellos 2016 se inclúe o futuro parque Ana Isabel Costas (Vilariño) e O Torreiro (Priegue), ambos tamén a piques de iniciar as obras (o primeiro en fase de licitación por 113.000 € e o segundo adxudicado por 45.000 €).

Esta parcela, de 3.660 metros cadrados e de titularidade municipal, permanece completamente en desuso e, dada a súa gran dimensión, o proxecto firmado por Martín Piñeiro crea dúas zonas separadas por unha senda peonil: por un lado unha zona con circuíto biosaudable destinado á terceira idade e, por outra, una zona máis lúdica e de esparexemento con parque infantil. Esta senda peonil de xabre con borde de lastra permitirá que a finca teña total accesibilidade (cómpre salientar que a parcela é accesible dende as beirarrúas da vía pública).

Toda a superficie será iluminada mediante a instalación de puntos de luz de 4 metros de altura modelo “Allumette”. Na zona de recreo dotarase de maior presenza de mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e dúas fontes, e será neste espazo onde se sucedan cinco elementos para que poidan realizar exercicio os adultos (o que constitúe un circuíto biosaudable). Ademais, disporase dunha mesa de xadrez. Na zona infantil, separada máis de 30 metros da vía pública, haberá unha gran tirolina e contará con tobogáns, balancíns, carruseis e columpios, sendo un deles inclusivo (como xa se fixo na remodelación do parque de A Ramallosa).

Anuncios