O futuro talaso natural de Baiona capta a atención dun grupo de estudantes e catedráticos

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O alcalde mostra o futuro talaso natural aos estudantes e catedráticos.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu a un grupo de estudantes de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela e aos seus profesores catedráticos que se interesaron por coñecer os proxectos de recuperación da cetaria de Monte Boi.

Desde a Universidade puxéronse en contacto cos Grupos de Acción Costeira de Galicia e de todos chamoulles a atención o proxecto Poseidón I, primeira fase xa terminada, e, Poseidón II, a piques de iniciarse en Baiona, que forma parte do GAC-7 Ría de Vigo-A Guarda.

O Alcalde, acompañado polos estudantes, os catedráticos e responsables do GAC, desprazáronse ata a propia cetaria para explicarlle in situ o Proxecto Poseidón II, o que espertou máis interese aos alumnos e fixo que viñesen coñecelo en primeira persoa á Vila.

O proxecto Poseidón II trátase dun talaso natural, ao aire libre e gratuíto que se creará na cetaria que está á beira da Torre da Tenaza e nas que se cultivaba lagosta ata mediados do século XX. “A pretensión é habilitar esta piscina de 300 metros cadrados cun sistema de chorros que funcionará seis meses ao ano”, indicoulles o Alcalde. “É un exemplo de como rendibilizar os nosos recursos e do poder terapéutico das algas, os oligoelementos e o mar. Será o primeiro talaso natural, ao aire libre e gratuíto de Galicia e baioneses e visitantes gozarano nun marco inigualable coas Illas Estelas e as Ciés de fondo e no horizonte o Océano Atlántico. En Baiona temos os recursos polo que temos que potencialos e dalos a coñecer”, sentenciou Rodal.

O Alcalde Baiona tamén explicou aos estudantes outros proxectos da vila que foron financiados polo GAC. Rodal insistiu que “aínda que na actualidade a Real Vila é un municipio turístico todos os proxectos levados a cabo apostan pola integración nas raíces marítimas da vila”.

A localidade de Baiona tamén foi o lugar escollido por ser un exemplo de boas prácticas e un modelo de integración e cooperación entre os diferentes proxectos. A complementariedade das actuacións desenvolvidas nos últimos anos e cofinanciadas polo GAC-7 é evidente en Baiona. O Concello de Baiona puxo en marcha 4 proxectos con axuda do GAC-7 Ría de Vigo-A Guarda: A recuperación dunar da Ladeira, a recuperación da antiga cetaria de Monte Boi, a recuperación da contorna da marisma da Praia Ladeira, ademais do plan de explotación de algas.

Tras a visita ao Concello, a comitiva estudantil dirixiuse ata a praia Ladeira para coñecer a recuperación da contorna da marisma e o proxecto de Wetsports Ladeira.