Unha exhibición do “Pesca I” pon fin á campaña “El juego de la serpiente” no CEIP Humberto Juanes

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Os alumnos do CEIP Humberto Juanes xunto o "Pesca I".

O CEIP Humberto Juanes de Nigrán puxo fin esta mañá á campaña europea “El juego de la serpiente” coa exhibición do helicóptero de Salvamento Marítimo “Pesca I” en Porto do Molle, ata onde se desprazaron os 400 alumnos, moitos deles en bicicleta acompañados dos profesores e os máis pequenos en autobús. Todos quedaron asombrados co simulacro de rescate que realizou a aeronave con base en Peinador á súa chegada e co aterraxe posterior no campo situado fronte á superficie comercial “Mercadona”. Ademais, todos tiveron a oportunidade a continuación de coñecer de preto a aeronave e falar coa súa tripulación. Nesta xornada lúdica participou tamén o GES do Val Miñor e a Policía Local de Nigrán, promotora do xogo no municipio.

O centro educativo acolleu dende o luns 16 a este venres esta campaña europea que propicia o transporte sostible e que se puido realizar grazas á Policía Local de Nigrán e a Dirección General de Tráfico (DGT). O xogo implicou a todo o alumnado e aos seus pais para que acudisen ao colexio camiñando, en bicicleta, en transporte público ou compartindo o coche entre varios. A implicación foi tal que, aínda que están pendentes da avaliación final, xa saben que superaron o seu reto particular de incrementar nun 15% o uso de transporte sostible para os desprazamentos ao centro. Así, durante estas dúas semanas, cada vez que empregaban un medio pouco ou nada contaminante pegaban adhesivos nun póster que representa a serpe “Travis”. Os alumnos non só acadaron o obxectivo final de cubrir completamente a serpe coas pegatinas, senón que precisaron de outro póster.

“El juego de la serpiente” comezou como un proxecto pequeno en Flandes (Bélxica) e aos poucos foi crecendo ata converterse nunha vasta campaña europea, na que participan centos de escolas en diferentes países. Os datos mostran que o xogo aumenta o número de viaxes á escola en modalidades sustentables e que reduce as emisións de CO2.