O título nacional de J80 en liza en augas de Baiona

FOTO: LALO R. VILLAR // Todos os J80 do Monte Real estarán na competición polo título nacional.

Tradicionalmente a clase J80 non vende baratos os seus títulos nacionais e internacionais e todo indica que o XII Campionato de España de J80 que se celebra a partir de mañá sábado en Baiona no marco do Trofeo Repsol do Monte Real vai presentar unha dura contenda entre as embarcacións que regatearán polo cetro.

Cantabria con catro monotipos J80, Baleares con dous, Galicia con preto dunha quincena e País Vasco cun representante, presentan credenciais para a disputa do Campionato de España das competitivas embarcacións J80.

A intensa actividade que as frotas cántabras, galegas e vasca desenvolveron durante todo o outono e inverno, baixo un intenso programa de regatas nas súas respectivas sedes, presume unha intensa competición. Tras unha xornada de medicións e revisións, as probas polo título nacional empezan este sábado ás tres da tarde.

Favoritos con impecable palmarés

Os locais Javier de la Gándara e o seu equipo a bordo do Okofen e o J80 Virazón de Miguel Lago poñerán en xogo o seu gran rendemento dos últimos meses e o coñecemento do campo de regatas da zona fronte a outros rivais que sairán a por todas.

É o caso dos cántabros Mercury de Jaime Piris, subcampión de España 2017, ou o Maui Jim Sunglasses do menorquín Javier Aguado que pechaba o podio do nacional o ano pasado. Ademais, haberá que ter en conta ao equipo vasco de AD Garatu que patronea Juan Vázquez, terceiro clasificado na prestixiosa regata francesa Spi Ouest 2018.

Desde as illas baleares o Ibo.es de Chacártegui tentará revalidar o triunfo nacional que conseguise en 2016. O equipo cántabro bicampión do mundo, Aila, que normalmente patronea José María Torcida presentará na loita polo cetro nacional a un novo patrón.

En total, máis dunha vintena de monotipos J80 que ata o martes 1 de maio loitarán sen tregua por inscribir o seu nome nunha nacional referencia a nivel deportivo polo seu gran nivel competitivo e que se enclava dentro do Trofeo Repsol do Monte Real Club de Yates de Baiona.

Cruceiros, fígaros e J70 dispútanse “a primavera”

Corenta e un anos cumpre neste 2018 una das competicións con máis percorrido do Monte Real Club de Yates, a Regata de Primavera, que un ano máis volve ser Trofeo Repsol grazas ao patrocinio da empresa enerxética.

Nesta cuadraxésimo primeira edición, ademais da contenda polo nacional de J80, veremos competir a algúns dos cruceiros máis destacados do panorama náutico galego, como o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade ou o Clínica Gaias de José María Peinó, ambos os dous campións galegos de solitarios e a dous.

Estarán tamén, disputándose as tres costeiras programadas para os cruceiros, os recentes gañadores da Regata de Inverno do Monte Real, o MBA Atlántico do portugués Rui Ramada; o Oral Group do Real Club Náutico de Sanxenxo patroneado por Pedro Pazos; e o Balea Dous de Luís Pérez, lucindo grímpola do náutico de Rodeira.

Entre os J70, que competirán no fondeadoiro das Illas Cíes durante o fin de semana, regatistas de destacado renome como Pichu Torcida, Rayco Tabares ou Luis Bugallo, ademais dos irmáns Pérez Canal. Completan as clases do trofeo os Fígaros, unha frota na que os monotipos do Monte Real serán os protagonistas.