Alumnado de infantil de O Agro e O Areal visita a Biblioteca Municipal de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Os escolares de O Agro e O Areal na Biblioteca.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu e deu a benvida á Biblioteca Pública Municipal ao alumnado das escolas infantís de O Agro de Baredo e de O Areal de Sabarís. O obxectivo da visita é promover a utilización deste servizo entre os máis pequenos da localidade. Na maioría de casos, esta visita é a primeira toma de contacto dos nenos e nenas con “a casa dos libros”, onde lles esperou o persoal bibliotecario, para narrar aos ávidos escoitantes grandes historias. Ademais, o persoal mostroulles a colección infantil.

A visita culminou coa entrega do primeiro carné da biblioteca a cada un dos nenos e nenas e levando a cabo o seu primeiro préstamo, confiando en seguir véndolles de costume polo servizo municipal. Ao longo destes días a Biblioteca celebrou a “Semana do libro” coa visita do alumnado das escolas infantís do municipio.