Mañá finaliza o prazo para inscribirse ao II Desafío Talaso Atlántico de ciclismo

O vindeiro domingo, 29 de abril, terá lugar o II Desafío Atlántico. A saída efectuarase ás 10:00 horas na chaira do Hotel Talaso Atlántico e discorrerá por Baredo, Faro Silleiro e capela de San Sebastián, ata chegar ao Mosteiro de Santa María de Oia (un tramo de 23 quilómetros). A partir de aí comezará a crono-escalada ata o Monte da Groba, de 17 quilómetros.

Trátase dun percorrido de dificultade media, segundo os expertos, polo que pasarán polo Alto da Valga e Torroña ata coroar finalmente A Groba, con 600 metros de altitude. Unha vez superado este segundo tramo, onde se dará o avituallamento, haberá un percorrido final de 20 quilómetros, de regreso ao Hotel Talaso Atlántico, que discorrerá por Chan da Lagoa, Baíña e Baiona.

Os participantes no II Desafío Talaso Atlántico poderán inscribirse ata mañá, 27 de abril, ás 20:00 horas, na web www.magmasports.es. A inscrición para federados é de 12 euros e de 22 para non federados (10 euros máis para a licenza dun día na Federación Galega de Ciclismo).

Anuncios