
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá da man da presentadora portuguesa e influencer María Cerqueira Gomes, “Somos Historias”. Deste xeito, a campaña que está a promover este ano a institución provincial e na que se pon en valor os recursos patrimoniais de todas as comarcas de Pontevedra chega por vez primeira ata o país veciño, tras ter pasado pola Feira Internacional de Turismo FITUR e polo Teatro Rialto da Gran Vía madrileña.
O emblemático Palacio da Bolsa da cidade portuense acolleu a máis dunha trintena de turoperadores, axentes turísticos, representantes institucionais das cámaras municipais de Valongo, Póvoa de Varzim, Paredes, Santo Tirso e Barcelos así como do Departamento Operacional do Turismo Porto e Norte de Portugal e medios de comunicación para presentar a campaña de promoción de Rías Baixas que o goberno de Carmela Silva escolleu neste 2018 ao abeiro do Ano do Patrimonio. “Convidámolos a visitar a provincia de Pontevedra, un territorio máxico con moitas historias que contar, que queremos dar a coñecer ao mundo. Un destino que teñen moi cerca e onde serán recibidos e recibidas cos brazos abertos en establecementos de calidade e innovadoras. Unha provincia que poden visitar durante todo o ano”, destacou Carmela Silva.
A presidenta da Deputación converteu ás Illas Cíes en protagonistas da acción promocional, ao poñer en valor a importancia deste espazo desde o punto de vista do patrimonio natural que “aspiramos a converter en Patrimonio da Humanidade”. Sobre as illas, Silva detallou as “impresionantes vistas” delas mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa.
Sen saír da cidade de Vigo tamén tivo un papel protagonista o festival do Marisquiño, integrante dos #RíasBaixasFests, que se celebra cada ano “a carón do mar”, así como outros elementos do patrimonio olívico como o Pazo Quiñones de León e os seus xardíns.
Xunto á cidade de Vigo, tamén formaron parte da promoción turística da provincia de Pontevedra recursos turísticos relacionados co patrimonio fortificado, como o Castelo de Sobroso, ou co patrimonio espiritual, representado polo mosteiro de Santa María de Oia, “a carón do mar” e festas de interese turístico como A Arribada de Baiona ou o Corpus de Ponteareas. De igual modo, o Camiño Portugués pola Costa, “e as súas impresionantes vistas”, e o Camiño Portugués Tradicional, así como todos os concellos polos que transcorren ambas rutas foron protagonistas da presentación de “Somos Historias” en Porto.
A presidenta provincial explicou que os obxectivos da campaña “Somos Historias” están centrados na divulgación do patrimonio, “desde castelos a fortalezas, de castros arqueolóxicos a mosteiros, de illas paradisíacas e marismas a ríos e fervenzas do interior, de escritores e escritoras universais a mitos e lendas. Unha terra de mar, bosques e paisaxes marabillosos, cunha cultura milenaria e unha gastronomía recoñecida no panorama internacional”, asegurou a presidenta da Deputación.
En Porto a presidenta da Deputación falou da figura de María Vinyals así como de Pedro Madruga e os seus lazos co Castelo de Soutomaior, “unha xoia do noso patrimonio que reabrirá as súas portas ao público a partir do 12 de maio”. Pero tamén recordou outros elementos do patrimonio relacionados coa historia de galaicos e fenicios, co patrimonio natural e paisaxístico a través dos espazos naturais e dos xardíns de excelencia internacional, como o do castelo, “con máis de 200 variedades de camelias e árbores centenarias”.
Outro dos elementos protagonistas na presentación do destino en Porto foi o Camiño Portugués, “que tanto nos une e que desde Portugal cruza a provincia de sur a norte”, informou Carmela Silva. Sobre o camiño a presidenta provincial destacou a paisaxe con espazos naturais como a fervenza do Toxa, patrimonio, o termalismo en lugares como Cuntis, O Grove ou Caldas de Reis, cultura e gastronomía que o rodea e asegurou que xunto a esta ruta, existen “ata seis itinerarios por mar e por terra cara Compostela, entre os que destaca o Camiño Portugués pola Costa, cunhas vistas impresionantes, camiñando fronte ás Illas Cíes, que aspiramos a converter en Patrimonio da Humanidade”.
Tamén tivo especial relevancia o patrimonio espiritual, destacando os cemiterios como o de Santa María de Dozo en Cambados que, polo seu valor artístico forma parte da Ruta Europea dos Cemiterios Singulares. Pero tamén o mosteiro de Santa María de Oia, a carón do mar, o mosteiro de Carboeiro en Silleda, o mosteiro de Poio do que a presidenta asegurou que conta cunha biblioteca única ou o mosteiro de Armenteira e a súa relación coas Cantigas de Alfonso X El Sabio, foron protagonistas da actuación promocional da Deputación en Porto.
“Pero Somos historias tamén fala do territorio, dunha cosa na que o sol e a praia conviven harmonicamente co cultivo dos produtos da terra e do mar, que nos sitúan como un destino gastronómico de primeira”, indicou a presidenta da Deputación. Silva, neste campo, aproveitou para falar dos viños DO Rías Baixas, “a segunda denominación de orixe máis importante de España”, das visitas a adegas e restaurantes “en paisaxes únicos con miradoiros sobre as rías” e dos restaurantes con Estrea Michelin.
Do mesmo xeito, a presidenta da Deputación enxalzou as festas de interese turístico como o Corpus de Ponteareas, a Rapa das Bestas de Sabucedo, a Romería Vikinga de Catoira ou a Arribada da Pinta a Baiona coas novas do descubrimento de América. Tamén falou dos RíasBaixasFests, “que se dan en lugares tan máxicos como illas, como o SinSal na Illa de San Simón ou o Atlantic Fest na Illa de Arousa, en carballeiras como o PortAmérica de Caldas, e tamén a carón do mar como o Vive Nigrán, SonRías Baixas de Bueu, Marisquiño de Vigo ou Revenidas de Vilagarcía, todos eles xa festivais de referencia no Noroeste peninsular”.
Amais, Carmela Silva aproveitou a acción promocional do destino Pontevedra provincia para poñer en valor os lazos entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal, así como enxalzou a Porto, “símbolo de vangarda e cidade moderna, cosmopolita, cultural e de tendencias”. “Cada ano nos visitan preto de 200.000 portuguesas e portugueses e este país é, tras España, o primeiro en afluencia turística. Compartimos estreitos lazos con Portugal, un pobo irmán: idioma, cultura, historia, costumes, fermosos paisaxes e unha forma de vivir. Hai unha grande cercanía e enorme cariño e sabemos que é recíproco”, subliñou a presidenta provincial. Neste eido, Silva destacou a necesidade de “compartir o que nos une para crear proxectos de promoción turística comúns xa que, neste mundo global, sumar sinerxías é unha manifestación de intelixencia e na provincia de Pontevedra e no Norte de Portugal hai moito talento”.