Sin categoría

Nigrán leva adiante un programa de emprego inclusivo destinado a formar auxiliares de comercio

O Concello de Nigrán e a Fundación Érguete, xunto a Deputación de Pontevedra e Zona Franca, levarán a cabo por vez primeira no municipio un programa de emprego inclusivo a través dun curso de “Auxiliar de Comercio” destinado a formar futuros traballadores de tendas, supermercados e grandes superficies. Dirixido a desempregados (con prioridade para os empadroados en Nigrán) os interesados en participar neste curso de 20 prazas e 210 horas de duración (inclúe 80 horas de prácticas en empresas da comarca) poden pre-inscribirse ata o 30 de abril no 986253176 ou a través da web de Érguete http://www.fundacionerguete.org/emprego_inclusivo. O curso dará comezo o 10 de maio e se levará a cabo de luns a venres de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Negocios de Porto do Molle.

O obxectivo primordial é mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión social facilitando a súa incorporación ao mercado laboral, polo que a selección de preinscritos se realizará mediante unha entrevista persoal que valorará o currículo, a duración do desemprego, a situación persoal ou a motivación particular. «Queremos dar unha oportunidade a persoas que o teñen moi difícil e realmente o precisan, as previsións de futuros negocios en Porto do Molle apuntan cara a necesidade deste tipo de profesionais, por iso apostamos por este curso en concreto», sinala o alcalde, Juan González.

O curso formará en competencias básicas de comercio como prestar atención ao cliente, realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venda, operativa de Caixa e terminais TPV, técnicas de merchandising…

A Fundación Érguete-Integración traballa para que as persoas máis desfavorecidas acaden a súa mellora social, laboral e de vida a partires do achegamento á rede asistencial ou acceso ao emprego, ofrecendo servizos de información, sensibilización, orientación, formación e intermediación cos distintos axentes sociais da comunidade e coa participación dun equipo multidisciplinar de profesionais implicados plenamente no devandito obxectivo.