O festival Nigranjazz, finalista por terceiro ano consecutivo dos Premios Martín Códax da música

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Festival Nigranjazz.

O festival Nigranjazz, organizado dende o Concello de Nigrán, foi seleccionado onte á noite como finalista por terceiro ano consecutivo dos “Premios Martín Códax” da música. Este foi elixido na quinta edición xunto a Resurrection Fest (Viveiro) e o Pardiñas (Guitiriz) na categoría de mellor festival, á que se presentaron 21 candidaturas de toda Galicia. Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de “Músicos ao vivo” mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos (superando á anterior edición): 397 grupos, 14 salas, 22 festivais e 16 espazos de comunicación musical. O xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online, será secreto ata o final do procedemento e os gañadores daranse a coñecer o 9 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra.

“O Nigranjazz é un proxecto que comezamos hai 11 anos e que nos sitúa xa como un referente de jazz a nivel nacional”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que dende o Concello xa se está pechando a próxima edición “mantendo o compromiso de traer aos mellores músicos internacionais ao tempo que se lle da un espazo tamén aos galegos”. “Entre tanto certame existente con música totalmente comercial, ten moito mérito ser o único festival de jazz finalista e xa por terceiro ano consecutivo. Polo Nigranjazz desfilaron algúns dos mellores músicos do mundo e seguimos con ese compromiso de que a calidade artística prime por riba de todo,”, sinala o seu director, Felipe Villar.

O Nigranjazz é o festival máis lonxevo organizado dende o consistorio e o único dedicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, afastado das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza.

Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek ou este ano o afamado guitarrista americano Kurt Rosenwinkel. Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos. Cómpre destacar que o Nigranjazz outorga tamén especial relevancia á relación galaico-portuguesa, consagrando algunha edición unicamente a elo e invitando sempre a artistas lusos a participar.

A permanencia en Nigrán ao longo destes anos xerou un especial interese por esta música na comarca, congregando cada vez a máis público no esteiro de A Foz: fieis seguidores que non faltan dende a primeira edición e veciños e turistas que cada vez fan máis multitudinario este evento, alleo por completo á música comercial.

Finalmente, cómpre mencionar outro dos signos de identidade do festival, que é o concurso de carteis de cada edición, dedicado ao veciño de Nigrán Quin Alborés, deseñador gráfico e organizador do Nigranjazz ata a súa morte. Tamén hai que subliñar a master-class que tradicionalmente imparte o conxunto estrela ou as distendidas jam-sessions posteriores aos concertos.

Anuncios