Ingresa en prisión un veciño de Nigrán detido por unha tentativa de roubo nun domicilio

A Garda Civil detivo a un mozo, veciño de Nigrán, por unha tentativa de roubo nun domicilio. O autor deuse á fuga ao ser sorprendido polo propietario da vivenda que estaba no interior.

Os feitos sucederon o pasado fin de semana, sobre as 16:30 horas. Cando o dono da vivenda estaba a descansar no dormitorio, espertou ao escoitar un forte golpe e ao comprobar o que estaba a suceder atopouse cun mozo que accedera á vivenda tras romper o cristal da xanela da cociña.

A descrición achegada pola vítima sobre o individuo que se deu á fuga de forma precipitada ao verse descuberto foi clave para o inicio das investigacións que levaron a efecto os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán que concluíron apenas vinte e catro horas despois coa detención do presunto autor.

O detido é un mozo, de 23 anos, A.P.A., veciño de Nigrán que conta cun amplo historial de detencións por feitos delituosos contra a propiedade, a maior parte deles en vehículos e en vivendas. O mes de abril do ano pasado xa fora detido por cinco roubos que supostamente cometera no mesmo edificio onde vivía. O mozo detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda dos de Vigo que, nesta ocasión decretou o ingreso preventivo en prisión.

Anuncios