A Ruta de Pedro Madruga percorrerá as fortificacións de Baiona e outros oito concellos

A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou esta mañá a posta en marcha dunha nova ruta para coñecer o patrimonio histórico das Rías Baixas: a ruta de Pedro Madruga. Carmela Silva subliñou que “con esta iniciativa pretendemos desestacionalizar o turismo, tal e como marca o Plan Estratéxico de Turismo, promovendo actuacións para dar a coñecer que a provincia oferta múltiples historias que se poden vivir os 365 días do ano”.

A nova ruta “Madrugas, Pedro?” “une este obxectivo de desestacionalización –indicou a presidenta provincial – co eixo da campaña de promoción do destino Rías Baixas “Somos historias” para dar a coñecer que a provincia de Pontevedra permite vivir moitas historias, neste caso, relacionadas co patrimonio fortificado”. Máis polo miúdo, e tal e como informou Carmela Silva, a ruta percorre fortificacións e os seus restos dos concellos de Soutomaior, Crecente, Mondariz, Salvaterra de Miño, Tui, Baiona, Vigo, Sanxenxo e Cambados, todos eles visitables e con acceso durante os 365 días do ano, nos que Pedro Madruga e a familia Sotomayor deixaron a súa pegada.

En concreto, a presidenta detallou que a nova ruta de Pedro Madruga atravesa desde o castelo de Soutomaior, no que viviu, ata a Torre de Fornelos (Crecente) que reconstruíu e acabou posuíndo trala declaración de paz entre os Reis Católicos e a coroa portuguesa; o castelo de Sobroso, tomado por Madruga tralas loitas señoriais entre os Sotomayor e os Sarmiento, loitas que tamén implicaron ao castelo de Salvaterra, cedido polos Reis Católicos a Madruga. A ruta tamén pasa por Tui onde Madruga exerceu a encomenda sobre a igrexa e o vizcondado da cidade; polo castelo de Monterreal (Baiona), gobernado por Garci Méndez de Sotomayor, casado con Constanza de Sotomayor, filla de Pedro Madruga; por Vigo, xa que Pedro Madruga obtivo de Enrique IV un interese de 150.000 marabedís sobre as rendas reais da cidade; e polas torres da Lanzada e de San Sadurniño, reconstruídas por Suero Góemz de Sotomayor tralas revoltas Irmandiñas.

Con respecto ao nome seleccionado para a ruta “Madrugas, Pedro?” a presidenta provincial destacou que se trata de “espertar a interese para coñecer esta figura tan importante na historia de Galicia e tamén de España do século XV”. De feito, Carmela Silva recordou que a orixe do alcume de Pedro Madruga para Pedro Álvarez de Sotomayor “vén dada polas loitas que mantivo co conde de Ribadavia polos límites de xurisdición, que os levou a acreditar ante notario que resolverían esta cuestión saíndo ambos a cabo dos seus respectivos castelos cando cantase o galo, establecendo o linde definitivo no lugar no que se atopasen. O que aconteceu, segundo as lendas, é que Pedro conseguiu adestrar un galo para que cantase cando batese as palmas e fíxoo cantar durante a noite, de modo que ao amencer xa estaba en Ribadavia onde o seu conde, ao avistalo, díxolle “Madrugas, Pedro!” e de aí quedou o de Pedro Madruga”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra informou que a nova ruta de Pedro Madruga formará parte das campañas de promoción turística da Deputación de Pontevedra, distribuíndose folletos a través das oficinas de turismo así como un vídeo divulgativo, que tamén estará dispoñible nas webs institucionais e redes sociais, con todas as fortificacións que integran a ruta.