Sin categoría

O Vincios, clasificado para a liga europea do tenis de mesa

Tras os resultados deste fin de semana, e a falta dunha xornada para a finalización da liga, o Vincios obtén matematicamente praza para disputar a liga europea do tenis de mesa, a ETTU CUP, ao asegurar como mínimo a sexta praza da clasificación. Aínda que non era un obxectivo a principios da tempada, é un xusto premio á regularidade e ao bo traballo do equipo. A pesar da derrota no seu desprazamento a Sevilla, ante o Hispalis por 4-2, os resultados da xornada acompañáronlle para obter esta boa clasificación.

A Sevilla o equipo desprazouse sen o concurso dos seus xogadores estranxeiros, acudindo cun equipo formado polo andaluz Moisés Álvarez e os canteiráns gondomareños Martín Pintos e Rafael Otero. Os puntos do Vincios conseguíronos Martín e Moisés ante o xogador hispalense Antonio Chaves, por 3-1 e 3-2 respectivamente, mentres o xogador chinés Le Chia Sheng e o xogador sueco Lars Magnus do Hispalis fixeron dous puntos cada un, decantando a vitoria para o seu equipo.