Anuncios
Ticker de novas

Os viveiros de Porto do Molle e Baiona incorporaranse á Rede de Excelencia da fundación Incyde

O director xeral da fundación Incyde, Javier Collado, e a delegada do Consorcio, Teresa Pedrosa, asinaron esta mañá senllos acordos para realizar accións formativas encamiñadas ao fomento do emprendemento e para a incorporación dos viveiros do Consorcio á rede de viveiros da fundación cameral denominada “A Incubación Empresarial de Excelencia”.

Co obxecto de apoiar as novas iniciativas empresariais, o primeiro dos convenios asinados busca establecer unha colaboración das partes asinantes para a realización de accións formativas encamiñadas ao fomento do emprendemento e que incidan directamente na aplicación de novas tecnoloxías e a mellora das existentes. Como explicou Pedrosa, as actividades para desenvolver consistirán en dous Programas de Autoemprego e Consolidación Empresarial. Dentro de cada un destes programas, de 320 horas de duración, desenvolveranse actividades que complementarán o programa formativo tales como xornadas/obradoiros de orientación e sensibilización; mentoring, seguimento; etcétera.

Para promover un crecemento exponencial dos viveiros, así como das súas empresas incubadas o Consorcio solicitou a inclusión dos viveiros de Porto do Molle, Baiona e O Porriño na Rede de viveiros “A Incubación Empresarial de Excelencia”. Coa participación nesta rede, os viveiros do Consorcio pasarán a converterse en usuarios da maior plataforma web de negocios empresariais e actividade de networking vinculada aos viveiros e os seus negocios aloxados poderán, entre outras vantaxes, ter acceso a redes internacionais de incubación empresarial e business angels ou acceder a formación on- line MOOC para as empresas. Ademais, o seu equipo xestor terá a posibilidade de asistir aos eventos e foros máis importantes sobre emprendemento e innovación en España, así como a xornadas de aceleración.

Anuncios