Galarreta loitou pola vitoria en Torredonjimeno e anotouse os Sprints Especiais

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // David Galarreta na Clásica Cidade de Torredonjimeno,

O Club Ciclista Rías Baixas asinou este domingo na Clásica Cidade de Torredonjimeno o mellor resultado da súa historia na Copa de España. David Galarreta mantívose na pelexa polo triunfo ata os últimos metros e terminou undécimo na quinta proba puntuable para o certame estatal. A actuación do corredor cántabro da entidade presidida por José Luis Chamorro recibiu a recompensa de subir ao podio como gañador dos Sprints Especiais.

O bo traballo colectivo desenvolvido polo conxunto miñorán nas estradas xienenses plasmouse na oitava praza lograda na táboa por equipos. Os pupilos de Iván Rodríguez buscaron as fugas antes de alcanzar o ecuador dos 174 quilómetros de percorrido. Jaume Bonnin filtrouse na máis numerosa e o balear pasou en terceira posición por métaa volante de Torredonjimeno.

Os dous portos da xornada atopábanse na segunda parte do trazado. Ao comezo da ascensión a Locubín, de 1ª categoría, o pelotón neutralizou á escapada de Bonnin. A posterior subida a Valdepeñas reduciu o grupo principal a 20 unidades, unha selección na que estivo Galarreta.

Os ataques e contraataques sucedéronse nos últimos 40 quilómetros e o cántabro do Club Ciclista Rías Baixas meteuse nun corte de oito corredores que se distanciaron en máis de 30 segundos do resto de candidatos á vitoria. O xefe de filas do cadro miñorán ocupou o primeiro posto no sprint especial situado a 10 quilómetros de meta.

Os perseguidores alcanzaron ao grupo de cabeza dentro dos últimos 5 km, pero antes de que tivese lugar a fusión Antonio Gómez (Caja Rural) demarrou en solitario e venceu con 2” de marxe respecto de once corredores. Galarreta cruzou a liña de meta en undécima posición, un resultado que lle permite ascender na clasificación da Copa de España ata a décimo quinta praza.

A pouco máis de 4 minutos dos primeiros concluíu un grupo con Ignacio Zamanillo (35º) e Jaume Bonnin (42º). Posteriormente tamén completaron a proba Jaime Guzmán (100º), Cristian Cuervo (106º) e Sergio Álvarez (125º). A próxima cita do certame estatal será o Memorial Pascual Momparler, que se celebrará o vindeiro domingo 22 de abril.