Baiona recibe á “The Columbus Kids Expedition” 26 anos despois

O Concello de Baiona recibiu este domingo aos mozos da “The Columbus Kids Expedition” 26 anos despois da plantación de varios exemplares de secuoyas no IES Primeiro de Marzo, unha visita incluída nos actos organizados para conmemorar a efeméride do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta.

A Concelleira de Turismo e Educación, Beatriz González, recibiu á delegación americana na Estación Marítima “América”, composta por John Harmon McElroy, profesor da Universidade de Tucson (Arizona, EE.UU) e algúns dos mozos que interviñeron en 1992 na plantación das especies como unha homenaxe que o pobo de Estados Unidos fixo a Baiona na conmemoración do V Centenario da Arribada da Carabela Pinta e a chegada dos primeiros aboríxenes, sementes, plantas e froitos traídos de América a bordo da Pinta.

González, acompañada polo ex alcalde de Baiona, Manuel Vilar Márquez, e o ex concelleiro de Cultura, Avelino Sierra Fernández, equipo de goberno por aquel entón e presentes na plantación no 92, a actual directora do centro, María Luisa Bueno, e Chema Lamas, profesor xubilado do centro encargado do coidado das especies durante anos, descubriron unha placa conmemorativa da visita diante da arboleda de secuoyas para lembrar e conmemorar o traballo realizado polos estudantes.

Así mesmo, a Concelleira fixo entrega ao profesor Harmon McElroy dun agasallo institucional con forma de Carabela Pinta en agradecemento da acción levada a cabo hai 26 anos e leve un bonito recordo da visita á Real Vila ao seu país natal.

“É un pracer para nós volver acoller na nosa vila ao profesor e aqueles mozos que participaron nesta bonita iniciativa. Fainos moita ilusión que viñesen despois de 26 anos a coñecer como foi evolucionando a plantación de árbores que fixeron no seu día. Con este pequeno acto queremos mostrar o noso agradecemento”, comentou Beatriz González.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, mostrou a súa satisfacción pola visita da delegación americana á Vila e pola iniciativa, aínda que non puido estar presente pois se atopaba nos actos institucionais con motivo da conmemoración da firma das Capitulacións no pobo irmán de Santa Fe de la Vega de Granada.

Pola súa banda, o profesor Jonh Harmon McElroy mostrouse moi emocionado e agradecido pola recepción e por volver ao lugar e ver as árbores que plantaron fai máis de medio século. Igualmente, os mozos mostráronse moi entusiasmados en coñecer o estado das árbores e en comprobar como soportaran o paso do tempo.

PROXECTO DE PLANTACIÓN SECUOYAS 04/12/1992

O 4 de decembro de 1992, despois de ser recibido en audiencia polo Rei Juan Carlos I, chegaba a Baiona “The Colombus Kids Expedition”, dos EE.UU., composta polo profesor John McElroy, o enxeñeiro forestal Jonathan Rea e 24 mozos de ambos os dous sexos, de idades comprendidas entre 15 e 18 anos, procedentes dos Estados de Maine, Xeorxia, Texas, California, Wisconsin e Arizona, nun intento de simbolizar as seis rexións naturais dos EE.UU.

Todos os mozos pertencían á asociación coñecida coloquialmente no seu país como “4-H”, organización dedicada a prestar axuda en diversas áreas relacionadas co medio ambiente. As catro haches corresponden ás iniciais de “head”, “heart”, “hands” e “heald” (cabeza, corazón, mans e saúde).

O acto consistiu na plantación das secuoyas polas autoridades asistentes entre as que se atopaban o equipo de Goberno Municipal, o director e o comisionado Local do V Centenario, o Director Xeral de Montes, o Xefe de Servizo de Montes, a Directora e o Claustro de profesores e alumnos do IES 1º de Marzo.