A mostra integradora da Deputación, “Sorrisos Transformadores”, chega este martes a Baiona

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá, xunto ao alcalde de Baiona, Ángel Rodal, este martes 17 de abril, ás 11:30 horas no CPI Cova Terreña, á charla que impartirá Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* (ARELAS), na que afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A conferencia, á que asistirá o alumnado e profesorado do centro educativo, está encadrada na inauguración da mostra “Sorrisos Transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración con ARELAS. Esta mostra está aberta ao público no mesmo CPI Cova Terreña ata o venres 27 de abril e poderase visitar de luns a venres, en horario de 9.00 horas a 14.00 horas.

“Sorrisos Transformadores” é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

A finalidade de “Sorrisos Transformadores” é a de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a exposición compleméntase cunha oferta de charlas informativas, como a que terá lugar, destinadas á comunidade escolar.