Mañá celébrase na baía de Baiona a final do Trofeo Infinitus

FOTO: ROSANA CALVO // A tripulación portuguesa do Miudo é a máis nova do Trofeo Infinitus.

Mañá sábado dispútase en Baiona a xornada final do Trofeo Infinitus Rent, a Liga de Inverno da clase J80 que o Monte Real Club de Yates vén celebrando desde principios de ano. As tres últimas probas previstas no programa da competición darán comezo ás tres da tarde no interior da baía baionesa, nun campo de regatas no que o comité deseñará un percorrido de bastóns ao que a frota deberá dar dúas voltas en cada manga.

A tripulación portuguesa do Miudo, patroneada por Afonso Leite; e o Okofen do vigués Javier de la Gándara, chegan a esta sexta e última xornada como líderes do campionato, empatados a 13 puntos nos primeiros postos da clasificación. Detrás deles, con 18 puntos, sitúase o Virazón de Miguel Lago, outro dos grandes nomes do trofeo, aspirante tamén ao ouro da competición.

Máis separados deles no ránking, a unha distancia de 10 puntos ou máis, atópanse o resto de veleiros que participan no Trofeo Infinitus Rent, un total de 17 monotipos J80, que locen, na súa maioría, a grímpola do Monte Real Club de Yates, o club organizador e un dos grandes impulsores desta clase en Galicia.

O Cansino, do comodoro do Monte Real, Fernando Yáñez, con 28 puntos, ocupa o cuarto posto; e en quinta e sexta posición sitúanse o Meltemi de Guillermo Blanco, con 31 puntos, e o Namasté de Luis de Mira, con 34.

Tras a celebración das probas na auga, as tripulacións participarán nunha cea de confraternización no marco da cal se entregarán os premios aos gañadores da competición. A ela asistirán, ademais dos regatistas, varios directivos do Monte Real Club de Yates, membros do comité de regata e Alberto Rodríguez, director de desenvolvemento de negocio de Infinitus Rent, a empresa patrocinadora do trofeo.