Anuncios
Ticker de novas

Ferreira propoñerá que o Pavillón Municipal de Deportes leve o nome de Berni Costas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Bernabé Costas de Miranda na III Gala do Deporte de Gondomar.

O alcalde de Gondomar, Paco Farreira, propoñerá que o Pavillón Municipal de Deportes leve o nome de Bernabé Costas de Miranda, natural de Vincios, xogador de baloncesto en cadeira de rodas. Así o anunciou na III Gala do Deporte celebrada o pasado sábado no Auditorio Lois Tobío, na que resultou gañador na categoría de Mellor Traxectoria Deportiva.

“Cremos que temos un embaixador en Gondomar, meritorio de todos os eloxios habidos e por haber, a superación, o esforzo, un home que estivo na elite, e que temos un Pavillón sen nome, sen identidade, sen recoñecemento explícito a quen verdadeiramente fixo polo deporte en Gondomar o que non fixo ninguén e que levou a Gondomar polo mundo adiante”, foron as palabras de Ferreira.

“Vou propoñer que o Pavillón Municipal de Gondomar leve o nome de Bernabé Costas”, incidiu o alcalde, que destacou que “é un exemplo para seguir como deportista, como persoa e como amigo”.

Bernabé Costas ten poliomielitis desde os seis meses e practica o baloncesto en cadeira de rodas desde os 15 anos, na posición de base. Estivo 10 anos no AMFIV Vigo, fichou polo FC Barcelona catro tempadas (onde explotou como xogador) e volveu ao equipo galego.

Foi internacional coa selección española no Europeo Sub-22 de Francfort (Alemaña) en 2002 e en Malle (Bélxica) en 2004, onde logrou a medalla de bronce. Coa selección nacional absoluta estreouse en 2002 e o seu éxito máis importante chegou co Europeo de Nazaret (Israel) 2011, onde contribuíu á medalla de bronce que clasificou a España para os Xogos Paralímpicos de Londres 2012. Tamén formou parte da delegación española para os Xogos Paralímpicos de Río 2016.

O pasado ano puxo fin á súa carreira na elite tras proclamarse campión da Challenge Cup co AMFIV, conseguindo así o soño de gañar un título europeo de baloncesto en cadeira de rodas que o club tocou cos dedos en tres ocasións anteriores.

Anuncios