Tras a concentración do pasado sábado na que preto de 200 veciños e veciñas de Gondomar demandaron melloras dun transporte público que cualifican de precario e que empeora cada vez máis, fixouse unha reunión co alcalde, Paco Ferreira, que se celebrou o martes coa asistencia de medio centenar de afectados. Na mesma tratáronse os diversos problemas e carencias do servizo que ofrecen as empresas concesionarias das liñas interurbanas, ATSA e Melytour.
Os veciños esixen a recuperación da liña de Melytour por Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, suspendida de maneira arbitraria desde hai case un ano. Dado que a empresa de transporte insiste en que a interrupción do servizo está causada polos danos que os pasos de peóns sobreelevados ocasionan nos vehículos grandes ao seu paso pola vila nas rúas do Emigrante e de As Pereiras, o alcalde informou que se suavizarán, traballos que os operarios municipais xa iniciaron.
En canto ao transporte metropolitano, reclaman da Xunta de Galicia que convoque, o máis axiña posible, unha reunión da Comisión de Seguimento do “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Vigo”, e que inclúa na súa orde do día a incorporación do Concello de Gondomar nese convenio para que os seus veciños poidan dispoñer da tarxeta metropolitana e, desa maneira, beneficiarse dos descontos no importe dos billetes, con consecuente aforro nos gastos de desprazamento.
Ferreira anunciou que o Concello recorrerá ao Valedor do Pobo para que interceda ante a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia. “Denunciaremos esta situación ante Consumo e pediremos nova reunión coa conselleira para asinar o convenio que leva paralizado pola Xunta fai máis dun ano e que a empresa concesionaria cumpra co percorrido que ten obrigado: Chaín, Morgadáns e Peitieiros”.
“É lamentable que unha Administración Local como é o Concello de Gondomar, e os seus veciños, sexa maltratada desta maneira por outra Administración Autonómica como é a Xunta de Galicia. As administracións están para dar servizo á comunidade e favorecer a vida dos cidadáns, non para ocasionarlles atrancos innecesarios. Deixémonos de bobadas e busquemos solucións para ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, pola contra non pararemos de acudir, pelexar e reivindicar un transporte digno para Gondomar”, conclúe Ferreira.


