Arranca a VII edición do concurso “Bai de Tapas”

Este xoves arranca a VII edición do concurso “Bai de Tapas”. Durante 25 días, do 12 de abril ao 5 de maio, os 21 establecementos participantes de todo o municipio elaborarán 21 tapas diferentes que servirán a un prezo popular de 2 €, ou 3’50 € combinado cun dos tres viños patrocinadores da campaña: o branco Albanta da Denominación de Orixe Rías Baixas, o Vía Imperial da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Rioxa Herecia Juan Alcorta.

Esta nova edición engade grandes novidades ao concurso co fin en darlle un novo aire e seguir innovando. O feito de que cada local presente unha única tapa é un cambio con respecto ás edicións anteriores. Esta variación será máis beneficiosa para a metodoloxía do concurso xa que, por unha banda, producirá unha maior rotación de consumidores entre os locais, e doutra banda, centra os esforzos de cada local nunha única tapa, o que repercutirá nun aumento na súa calidade.

Ademais, este feito vai ligado a unha mellora significativa no folleto da ruta, tipo pasaporte, e que ademais da información sobre os locais inclúe unha descrición da tapa e unha fotografía, dous datos que ano tras ano solicitaban os consumidores. Este mesmo pasaporte será a folla de ruta para que os participantes consigan ese mínimo de 6 selos necesarios para participar no sorteo de premios, que este ano encabeza o novo Iphone X, achegado pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), ademais dos 21 agasallos que facilitan os establecementos participantes.

As tres tapas que consigan unha puntuación media máis alta levarán o primeiro, segundo e terceiro “Premio á Mellor Tapa 2018” que, ademais do recoñecemento do público, levarán un obsequio por parte dos patrocinadores. Tamén se poderán votar as tapas a través da aplicación oficial de Baiona, na que aparecerá un apartado de “Bai de Tapas” con toda a información e posibilidade de darlle Me gusta ás creacións de cada local. Para iso só hai que buscar a aplicación “Baiona Guía Oficial” de ATMovilidad desde o Google Play ou Apple Store.

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Para incentivar a difusión do concurso nas redes sociais convocarase un concurso de fotografía no que os participantes deberán publicar nos seus perfís as fotos realizadas das tapas participantes, etiquetando a páxina do concurso e utilizando os hashtag #BaideTapas e #Baiona. Ao finalizar o concurso validaranse todas as fotografías e un xurado designará a foto máis representativa do concurso. O gañador ou gañadora recibirá un premio especial consistente nunha estancia no Talaso Augas Santas de Pantón-Monforte, incluíndo un percorrido mariño, cea, almorzo e visita guiada ás Adegas Regina Viarum, incluíndo degustación de viños.

Os establecementos participantes nesta edición son os seguintes: A de Sabas, Bar Élysées, Bar Xacoba, Bocatería Baioca, Cafetería Anunciada, Cafetería Central Park, Camu Camu Tapería Peruana, Ecoadega, Estación Marítima Baiona, Jamonería Jaqueyvi, La Crep, La Micro, La Mini, La Taberna del Pintor, Liceo Marítimo de Baiona, Mendoza Taberna, Mesón Jamonería Fidalgo, Parador de Baiona, Queimada Gastrobar, Recuncho Mariñeiro e Restaurante Mesón Fuente de Zeta.

ROTEIRO BAI DE TAPAS