Socorristas de Baiona vixiarán as praias a lombos de táboas de pádel surf

O Concello de Baiona vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para mellorar os tempos de detección e de actuación en materia de salvamento nas súas praias. Todos os socorristas do municipio recibirán formación para facer as roldas de vixilancia sobre táboas de pádel surf inchables. Trátase dun proxecto piloto impulsado pola Concellería de Actividades Marítimas, dirixida por Raúl Costas, que entrará en funcionamento este verán.

Coque Araujo, do Club Galego de Surf e máximo expoñente do SUP na comunidade, será o encargado de impartir os cursos, que terán unha duración de oito horas, repartidas en tres teóricas e cinco prácticas, e estarán dirixidos tanto aos socorristas como aos voluntarios de Protección Civil. A formación enmárcase no plan “Produto Turístico de Stand Up Pádel”, financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda.

Este ano poñerase en práctica nas praias da Ribeira e A Barbeira, por ser as que contan con menos correntes, e de obter bos resultados, no 2019 sumaranse ao proxecto as de Santa Marta e A Ladeira. Na Concheira e Os Frades, ao atoparse en mar aberto, non é viable o seu uso ao existir bastante ondada. Para a súa posta en marcha, serán alugadas dúas táboas, e no caso de que a iniciativa se consolide o Concello procederá á súa compra.