A Mancomunidade inicia o proceso de contratación dos socorristas

FOTO: PEPE COSTAS // Posto de Protección Civil en Panxón.

A Mancomunidade do Val Miñor aprobou o pasado mércores iniciar o proceso de contratación de 34 socorristas para as praias de Baiona e Nigrán por importe de 109.000 euros. O pasado verán, catro dos areais da comarca perderon a Bandeira Azul a poucos días de finalizar a tempada estival pola falta de socorristas, situación que esperan non se volva a repetir.

A demora da Xunta de Galicia na convocatoria das subvencións para a contratación de socorristas e posterior tramitación por parte da Mancomunidade supuxo que Patos e Panxón en Nigrán e A Concheira e Os Frades en Baiona tivesen que retirar as súas Bandeiras Azuis, ao non dispoñer dos dous socorristas por praia requiridos por ADEAC.

Ademais, a pesar de que a Mancomunidade tiña contratados a 17 socorristas (os que pasaron as probas, porque o número requirido eran 27), a Xunta só outorgou a subvención para 15 socorristas. Este ano, de chegar tarde esta axuda ou ser insuficiente, achegarán a cantidade necesaria das arcas municipais.

Anuncios