O Club Ciclista Rías Baixas deuse un baño de masas no Parador de Baiona

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Presentación do Club Ciclista Rías Baixas.

Máis de 500 asistentes arrouparon ao Club Ciclista Rías Baixas durante a posta en escena oficial do seu novo proxecto este venres pola noite no Parador de Baiona. A entidade presidida por José Luis Chamorro festexou os grandes resultados logrados na pasada campaña e presentou as múltiples novidades do seu renovado proxecto. “Tocamos teito e marcámonos outras metas. Oxalá Galicia non tarde moito tempo en ter un equipo profesional”, indicou o máximo responsable desta estrutura con sede no Val Miñor. O acto contou coa presenza de Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia; Marta Míguez, secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Chelo Besada, responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra; Ángel Rodal, alcalde de Baiona; Juan González, alcalde de Nigrán; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; Agustín Gándara, socio do Bufete Gándara Moure; Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo; e representantes das firmas patrocinadoras desta entidade deportiva.

Os ciclistas profesionais Delio Fernández, do Delko Marseille, e Gustavo César Veloso, do W-52 Porto, non se quixeron perder un evento ao que tampouco faltaron personalidades do mundo do ciclismo como Álvaro Pino e Prudencio Indurain. A gala estivo conducida por Gerardo Chamorro, xerente do Club Ciclista Rías Baixas, e Terio Carreira, presentador da TVG. Da ambientación musical encargouse o grupo Pandereteiras de Camos.

Os triunfos obtidos co surafricano Willem Smit, actualmente no conxunto profesional ruso Katusha, foron algúns dos éxitos que se rememoraron do pasado 2017. A dirección do club tamén quixo recoñecer o esforzo e os resultados de dous das súas promesas, as bikers María e Carmen Cabot, do mesmo xeito que o labor realizado polo Centro de Educación Especial de Panxón.

Quince corredores

O momento álxido da noite chegou coa aparición no escenario do persoal elite e sub23. O salmantino Iván Rodríguez estréase este curso como director deportivo dun cadro de corredores formado por Adrián Valverde, Iván Arribas, Jorge González, Jaime Guzmán, Sergio Álvarez, Antonio Barbero, Rafael Pereira, Óscar Justo, Ignacio Zamanillo, Jaume Bonnin, Cristian Cuervo, Adrián Escobar, David Galarreta, Francesc Zurita e Antonio Angulo.

Tras reunirse para esta presentación, o conxunto miñorán dividirase en dous bloques para disputar tres probas durante o fin de semana. Este sábado tomará a saída na Clásica de Pascua coa mesma aliñación que o domingo competirá na ‘Clásica da Costeleta’ en Cuéllar (Segovia). Ese mesmo día outra representación do equipo competirá no Memorial Valenciaga, puntuable para a Copa de España.

Anuncios