Anuncios
Ticker de novas

Rescatan a unha muller de 70 anos que se precipitou por un barranco en Gondomar

FOTO: GARDA CIVIL // Axentes da Policía Local e Garda Civil no lugar do suceso.

Efectivos da Garda Civil, Policía Local e persoal do servizo de limpeza do concello de Gondomar, rescataron onte a unha veciña de 70 anos que se precipitou de forma fortuíta por un barranco.

Sobre as 15:30 horas de onte cando os traballadores do servizo municipal de limpeza do concello de Gondomar estaban a baleirar un dos colectores que se atopan no cruzamento das estradas PO-331 e PO-341, concretamente no barrio de Brandufe, da parroquia de Vincios, escoitaron os débiles berros de auxilio dunha muller que se atopaba nun barranco situado á marxe da estrada.

A señora estaba no fondo dun precipicio cun desnivel de máis de dez metros, no medio de abundante vexetación e nunha zona de difícil acceso debido á pronunciada pendente e ao esvaradío do terreo

Ao comprobar as dificultades que presentaba o seu rescate, os traballadores do servizo de limpeza solicitaron a axuda da Policía Local e estes á súa vez da Garda Civil que inmediatamente fixeron acto de presenza.

Entre todos os efectivos, seis en total, e valéndose dunha corda e un arnés que levaba a patrulla da Garda Civil no vehículo oficial, conseguiron rescatar a esta veciña salvando as dificultades do terreo e as doenzas propias da súa idade.

Segundo a propia versión da vítima, o contratempo produciuse cando ao ir depositar o lixo ao colector, cedeu o terreo que pisaba debido posiblemente ás abundantes choivas dos últimos días e ao non poder evitar a caída precipitouse ao barranco, onde ao parecer estivo dúas horas ata que foi rescatada.

A señora foi evacuada nunha ambulancia, sen lesións de aparente gravidade, para ser atendida nun centro hospitalario de Vigo, de onde xa foi dado de alta.

Anuncios