Nigrán Decide esixe toda a información para pronunciarse sobre a cesión do contrato do PXOM

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Ante o anuncio feito polo Alcalde de Nigrán de levar ao pleno do mes de abril a cesión do PXOM, no que pedía á oposición que exerza o seu papel de xeito responsable e non electoralista, o grupo municipal de Nigrán Decide quere manifestar que a súa actuación estará guiada, como sempre, polo rigor, a responsabilidade e a toma das mellores decisións para Nigrán e en ningún caso polo electoralismo, nin o engano á veciñanza.

Como para tomar unha decisión responsable é necesario ter toda a información, José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, solicitou copia da documentación que presentou EPTISA e que debería xustificar o cumprimento do 20 por cento do contrato. O Alcalde de Nigrán negou esta documentación coa argumentación de que para a súa visualización cómpre dispoñer de ferramentas técnicas específicas e que, en parte, contén datos persoais. Cómpre destacar que os datos persoais que conteñen as alegacións xa foron facilitados no seu día a este grupo municipal.

“Á peregrina escusa que pon o alcalde para negar a copia da información, de que é necesario dispoñer de ferramentas técnicas específicas, sen saber se dispoñemos delas ou non, mostra a transparencia coa que quere tratar este tema o Alcalde”, sinala José Cuevas. “Se o goberno facilita a documentación e non dispoñemos das ferramentas técnicas especificas para visualizala é o noso problema, pero parece que, se dispoñemos desas ferramentas, o problema é do goberno, xa que nese caso visualizaríamos o que tratan de ocultar”, finaliza Cuevas.

Destacar, para finalizar, que a lei establece que todos os membros das Corporacións locais teñen dereito a obter do Alcalde cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.

“Para que despois non se nos fagan falsas acusacións de electoralismo ou de irresponsablemente, Nigrán Decide anuncia que, se o goberno leva ao pleno a cesión do contrato sen facilitar a información con tempo suficiente para a súa análise, pediremos que o asunto quede sobre a mesa. Cómpre destacar que o goberno de Nigrán é coñecedor desde hai un ano que EPTISA despediu a parte do equipo redactor e, desde agosto, é coñecedor de que EPTISA non ten interese en realizar este traballo”.