Anuncios
Ticker de novas

Nigrán dedica o mes de abril ao fomento da lectura entre os máis cativos

O Concello de Nigrán, en colaboración coa librería especializada en literatura infantil e xuvenil “Donde viven los cuentos”, dedicará o mes de abril á promoción da lectura entre os máis pequenos ao tempo que festexa deste xeito o “Día do Libro”, que se conmemora o día 23.

Así, todos os sábados do mes ás 12:00 horas na Praza do Concello haberá unha sesión de contacontos para os cativos e, ao mesmo tempo, o Concello ofrece a posibilidade aos diferentes centros públicos do municipio de que acollan unha sesión de contacontos nas súas propias instalacións o luns de abril que o soliciten. A maiores, o luns 23, Día Internacional do Libro, a Biblioteca Municipal realizará un contacontos ás 18:00 horas e pola mañá o Concello inaugurará oficialmente o mural que a artista Lula Goce pintou no CEIP Carlos Casares en homenaxe precisamente ao autor que dá o nome ao centro.

A programación complétase coa actividade “Fíos do Querer” de Cé Orquestra Pantasma a tarde do venres 27 na Praza do Concello, que irá acompañada dun obradoiro de xogo libre con material natural non estruturado. “Fíos do querer” é unha actividade para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo, que gozarán de nanas de primeiras palabras, para arrolar, para dar bicos, facer palmiñas, virar, saltar…

O punto e final á programación será o sábado 28 co contacontos a mediodía na Praza do Concello e pola tarde co obradoiro “pintando a música” baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o “Príncipe dos libros de Preescolar”.

Carla Muñoz, de “Donde viven los cuentos”, foi a responsable de deseñar toda a programación dos contacontos dos sábados. Estes comezarán con Lohengrín a seguirán con Loreto Pertíñez, Miguel Ángel Alonso Diz e Matrácala. A maiores, a propia Carla Muñoz realizará o contacontos do día 23 na Biblioteca Municipal e os dos luns nos colexios. Licenciada en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade de Salamanca, Carla dedicou a maior parte da súa carreira profesional a traballar en bibliotecas, especializándose nas infantís e xuvenís. Neste sentido, a súa experiencia no Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil da FGSR fíxolle descubrir a súa auténtica paixón: a animación á lectura. Por este motivo, en xuño de 2017 abre “Donde viven los cuentos” na Praza do Concello de Nigrán, un lugar que achega a literatura de calidade aos nenos e nenas da comarca e trata de transmitirlles a paixón pola lectura a través de diferentes actividades, ademais, trátase dun lugar onde pais e profesionais reciben asesoramento especializado non só en literatura, senón tamén en psicoloxía e pedagoxías alternativas grazas aos diversos especialistas que colaboran con “Donde viven los cuentos”.

Anuncios