Sin categoría

A arxentina Nathy Peluso actuará este verán en Vive Nigrán

A segunda edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 20 e 21 de xullo, suma á arxentina Nathy Peluso ao seu cartel. A artista estará acompañada polas diversas propostas musicais de formacións como Mueveloreina, Depedro, Esteban & Manuel, Bigott, Las Odio Abraham Boba DJ SET (León Benavente) ou o Concerto Mahou Cinco Estrellas de Sidonie.

Nathy Peluso é unha artista multidisciplinar criada entre a música negra, o swing, o jazz, o blues e o teatro. Está tan nutrida de tanta música diferente que o seu filtro abarca unha inmensidade de propostas. Tras empezar a gravar covers en YouTube, acabou por chegar ao hip hop para apoderarse del: fíxoo concreto e flexible, bailable, con letras abstractas, máxicas e de bases orixinais; sintetizadores, bos baixos e samples vocais. Como ela mesma declara “co tempo pretendo crear unha nova vangarda musical e aos poucos irei conformándoa. O único que quero de verdade é facer música de calidade”.

Acompañando a esta sedutora fusión de xéneros e sons atopámonos coa guinda do pastel: o visual. Imaxes cunha estética dos oitenta, maquillaxe, froitas tropicais e unllas de xel. A súa incursión no mundo da música contemporánea supuxo unha revolución no panorama actual e varios medios de comunicación cualificárona como “a artista revelación do 2017”. Hai que darlle ao play para descubrila e facerse adicto.

Outras actividades e entradas

O festival continuará apostando por fusionar a música con experiencias ao aire libre: as persoas asistentes terán á súa disposición dende xogos e obradoiros, ata unha gran oferta gastronómica a cargo de foodtrucks, un mercadiño, charlas, as sesións DJ de Abraham Boba (León Benavente) e Sidonie no Espazo Mahou… Unha infinidade de actividades que debuxan un «picnic pop festival» de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite.

As persoas interesadas en adquirir as súas entradas xa poden facelo a través da propia web do festival, www.vivenigran.com, gozando dunha oferta coa que se poden adquirir os abonos de dous días por 22 €.