Baiona súmase á celebración do Día do Autismo

O Concello de Baiona iluminará de azul durante a tarde-noite do 2 ao 3 de abril tres dos máis significados edificios e monumentos da localidade en apoio ás persoas que padecen Autismo e ás súas familias, sumándose así á iniciativa mundial “Ilumínao de Azul 2018” (#iluminalodeazul). En concreto tinguirase desta emblemática cor o Concello de Baiona, o Cruceiro da Santísima Trindade e o monumento da Virxe da Rocha.

Con motivo da celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se conmemora hoxe, 2 de abril, o Concello de Baiona súmase ao compromiso de iluminar de azul edificios importantes da localidade en sinal de apoio e concienciación sobre o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA). Múltiples cidades de todo o Planeta uniranse esa noite á iniciativa, tinguindo durante unhas horas os seus inmobles máis significativos de azul, a cor elixida por este colectivo para visibilizar ás persoas que sofren Autismo.

No ano 2007 a ONU designou o 2 de abril de cada ano como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, convidando a todos os Estados Membros, as organizacións competentes do sistema das Nacións Unidas e outras organizacións internacionais, así como á sociedade civil, incluídas as organizacións non gobernamentais e o sector privado, a que observen debidamente este día. Ademais de Torrexón, tinguiranse de azul esta tarde edificios de Madrid capital e Aranxuez, entre outras localidades.