Anuncios
Ticker de novas

A Xunta activa mañá a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ondada na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro a partir de mañá no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir do mediodía deste martes haberá mar combinada do oeste de 5 a 7 metros e vento do suroeste de forza 7 e 8. Está previsto que o aviso de nivel laranxa se estenda á costa de Lugo a partir da madrugada do mércores 4.

Ademais, desde hoxe estará activa a alerta amarela por vento en distintas zonas de Galicia, que se irá estendendo ata afectar a meirande parte da comunidade durante a xornada de mañá. Na Mariña lucense, a alerta de vento será de nivel laranxa desde esta madrugada, onde se agardan refachos de ata 100 quilómetros por hora.

No caso da alerta na costa, recoméndase evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras.

Ante a alerta por vento, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar as actividades ao aire libre ou os desprazamentos, en todo caso, antes de coller o coche, consultar o estado das estradas; non empregar vehículos lixeiros, como bicicletas ou ciclomotores; afastarse de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que sexan susceptibles de desprazarse co vento; ou retirar das fiestras, dos balcóns e dos tellados calquera obxecto que poida caer á rúa.

Aconséllase, ademais, consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios