Anuncios
Ticker de novas

Baiona recupera o seu pasado de Semana Santa a través de fotografías

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O Alcalde e representantes da Irmandade mostrando as fotografías.

Coñecer o noso pasado a través de fotografías é unha das formas máis interesantes de facelo e esa é a aposta do Concello de Baiona. Por iso, este mércores o Alcalde, Ángel Rodal, subscribiu un convenio de cesión de fotografías co fin de “fomentar as tradicións”, segundo recolle o documento rubricado coa Presidenta da Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia, Mª Jesús Estévez, e a Secretaria, Mª Luz Iglesias.

A Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia cedeu ao Concello de Baiona un total de 15 instantáneas que pasarán a formar parte do Arquivo Fotográfico da Biblioteca Pública Municipal e que servirán para dar difusión da Semana Santa baionesa e da irmandade relixiosa máis antiga de Galicia.

As 15 fotografías compoñen un catálogo de imaxes nas que se poden ver os distintos pasos cargados polos costaleiros e as procesións da Real Vila cun gran valor sentimental e histórico. O Cristo dos Farois, o Cristo da Cañita, a imaxe do Nazareno na súa primeira caída, a Virxe da Primeira Dor…

“Esta recompilación gráfica foi posible grazas á cesión de fotografías por parte dos irmáns da Santa Casa que quixeron compartir e reconstruír a historia de Semana Santa do noso pobo a través das imaxes gardadas na irmandade. O Concello de Baiona traballará na promoción e difusión da Semana Santa e da Santa Casa ao entender que se trata dunha importante tradición e dun fito histórico para a localidade que debe ser coñecida máis aló das nosas fronteiras”, detallou o Alcalde.

As novas imaxes van formar parte do arquivo fotográfico do fondo local e así seguir conservando a memoria da localidade. A Biblioteca Municipal é a encargada de custodiar e dar divulgación ao fondo local da vila.

Ademais dos datos de quen as ceda, con cada unha das imaxes, detállase unha pequena descrición. Despois, a Directora da Biblioteca ocuparase do seu tratamento técnico, dixitalización e arquivo para o fondo municipal de Baiona.

Así mesmo, coa firma do convenio o Concello comprométese a cumprir o principio de procedencia das imaxes, é dicir, respectar a orixe das instantáneas para así apuntar a orixe da mesma cada vez que sexan utilizadas.

O obxectivo deste convenio é nutrir o arquivo fotográfico relacionando coa Semana Santa da Vila, constatar a súa evolución histórica ao longo dos anos, dar a coñecer esta histórica tradición, a historia dos seus pasos e da Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia cunha historia ás súas costas de máis de 400 anos.

Durante a ratificación do convenio, o Alcalde valorou a extensa historia da Irmandade. Rodal tamén indicou en que “a calidade da nosa imaxinería é alta e que a oferta de actos é tamén importante, moita xente queda sorprendida polo que temos cando veñen e máis aínda cando descobren que a Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia, a confraría máis antiga de Galicia e unha das de maior traxectoria e tradición de toda España”.

2018-03-29 - Firma Convenio Con Hermanadad Santa Casa (1)

Anuncios