A Concellería de Turismo do Concello de Baiona aposta por ofertar visitas guiadas durante a Semana Santa. Veciños e visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural da Vila acompañados por unha guía oficial durante o xoves, venres e sábado santo ás 11:30 horas. A saída será desde a oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).
As visitas son gratuítas e non é necesaria a inscrición previa, polo que aqueles interesados en percorrer os monumentos de Baiona tan só teñen que presentarse á hora indicada na oficina de turismo situada enfronte do Paseo Ribeira.
Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira e o Centro histórico.
Co obxectivo de poder satisfacer a demanda de información e ofrecer un mellor servizo durante a época de Semana Santa, a oficina municipal de turismo amplía o seu horario. Permanecerá aberta ata o próximo 1 de abril de 10:30 a 14:00 e de 15:30 a 19:30 horas.
A Concellería de Turismo, que dirixe Beatriz González, organiza cada ano estas visitas para ofrecer ao visitante unha visión máis profunda sobre a historia da Vila e os seus amplos recursos históricos, patrimoniais e naturais.

