O pasado sábado a Capitanía Marítima de Baiona acolleu a inauguración da exposición “Baiona con ás de bolboreta”, coa presenza do alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Turismo, Beatriz González. Ambos felicitaron aos artistas baioneses polo seu gran traballo e por levar a imaxe de Baiona por todo o mundo.
En 2014 tres veciños de Baiona, Ángeles Quintas Carneiro, Verónika González Misa e Enmanuel Girondo, leron na prensa que a artista norteamericana Tasha Lewis buscaba colaboradores ao redor do mundo para o seu proxecto «Swarm the World». A artista quería que as súas bolboretas percorresen o mundo e despois realizar unha exposición en Nova York, os baioneses viron a oportunidade de levar a súa arte e a imaxe de Baiona polo mundo.
O proxecto da norteamericana xurdiu da idea de «embelecer” os espazos públicos das cidades e pobos con bolboretas azuis realizadas por ela coa técnica da cianotipia. Desde un principio aos tres encantoulles o proxecto e puxéronse en contacto con ela a través de e-mail. Tiveron a sorte de ser elixidos e en decembro do 2016 chegaron 200 bolboretas a Baiona.
Durante catro semanas percorreron a zona embelecendo os distintos lugares: Cabo Silleiro, o porto de Baiona, a Virxe da Rocha, Chan da Lagoa, o CPI Cova Terreña… e enviándolle as fotos á súa páxina. No 2017 a artista comentoulles que a exposición en Nova York non era viable, con tanta foto, e a súa idea foi publicar un libro coas mellores. Nese libro aparecen 5 das súas fotos e iso deulles pé e ganas para poñer en marcha a exposición. Falaron coa concelleira de Cultura, María Iglesias, que desde un primeiro momento mostrouse entusiasmada e alentounos e axudou a levala a cabo.
A mostra pode visitarse desde este sábado ata o próximo 1 de abril en horario de 12:00 a 14.00 e de 17:00 a 20:00 horas. A partir do 3 de abril estará aberta exclusivamente para as visitas concertadas cos colexios.

