A orquestra Panorama comeza unha nova tempada, unha nova aventura na que poñerán todo o seu empeño, enerxía e ilusión para dar resposta ás expectativas xeradas entre o público galego e do resto de España. A Xira Deluxe Tour contará cunha montaxe sobre o escenario totalmente novo, con máis pantallas e iluminación e un deseño ao máis alto nivel, ao que se sumarán un vestiario, un repertorio e unha posta en escena nos que destaca a innovación para crear un espectáculo brillante e totalmente sorprendente.
O venres 13 de abril Panorama fará parada en Nigrán, cun concerto no Torreiro de Priegue a partir das 23:30 horas, unha presentación exclusiva e fin de festa con DJ. O evento está organizado pola Coral Stella Maris co obxectivo de recadar fondos de fronte ao gran concerto de verán que están a preparar un ano máis. As entradas, cun prezo de 5 euros, estarán á venda a partir das 20:00 horas no propio Torreiro de Priegue. A apertura de portas será ás 22:00 horas. O aforamento é limitado.
“Queremos que sexa unha Xira Deluxe, do mesmo xeito que é un luxo para nós poder contar cada noite con toda a xente que vén ver e a gozar das nosas actuacións en Galicia e no resto de España. A todos vós dedicámosvola como homenaxe e con todo o noso agarimo e afecto”, explica Manuel-Lito Garrido.
“Nesta tarefa vimos traballando durante os últimos meses cunha gran ilusión, tanto o equipo artístico, como o técnico e todas as persoas que formamos parte de Panorama 2018, que confiamos en seguir contando coa vosa confianza ao longo desta nova Xira, na que poñeremos toda a nosa enerxía, dedicación e saber facer”, explica o director da formación.

