Sin categoría

Nigrán cobra durante este ano até 5 recibos do IBI aos afectados pola regularización catastral

A veciñanza de Nigrán afectada pola regularización catastral está recibindo cartas para que abone o IBI dos últimos catro anos non prescritos, a pesar de que o actual alcalde de Nigrán asegurou á prensa no ano 2016 que ao goberno municipal «nin se lle pasa pola cabeza» requirir o abono dos últimos catro anos. “Non sabemos se esas declaracións as fixo no seu día por ignorancia ou con ánimo de enganar á veciñanza”, sinala José Cuevas, “pero en todo caso poñen de manifesto a escasa credibilidade do que pode dicir este goberno municipal”.

Segundo Cuevas, o goberno podería ter optado por cobrar unicamente cada ano dous recibos, o recibo anual normal e o do ano que prescribía. Por exemplo, este ano o do 2018 e do 2014 e o ano que vén os recibos dos anos 2019 e 2015. Desta forma, en 4 anos as persoas afectadas pola regularización catastral, regularizarían a súa situación coa facenda local en 4 anos, sen ter que pagar intereses polos aprazamentos da posta ao cobro dos recibos.

“Hai que lembrar que sexa a iniciativa do Concello ou do ORAL, organismo dependente da Deputación, o Alcalde ten responsabilidades nas dúas institucións, polo que sería máis fácil negociar esta posibilidade”, sinala o portavoz de Nigrán Decide.

“Segundo os datos dos que dispón Nigrán Decide, estimamos que o cobro destes 4 recibos atrasados van supoñer para o Concello de Nigrán uns aumento de ingresos de 600 mil euros, que en ano preelectoral son fundamentais para facer inauguracións antes das eleccións”, finaliza Cuevas.

En caso de que xa non se poida aplicar a medida descrita anteriormente de pasar ao cobro unicamente dous recibos anuais, Nigrán Decide esixe ao goberno que informe, asesore e facilite o fraccionamento ou aprazamento destas débedas, “xa que somos conscientes da dificultade que para moitas familias pode supoñer ter que facer fronte ao pagamento das cantidades que se lles reclaman”. Destacar que, nalgúns casos, estas débedas superan os mil euros e dáse un prazo para aboalas de pouco máis dun mes.

O fraccionamento ou aprazamento de débedas, que está contemplado na lexislación tributaria, leva consigo o pago de intereses, polo que tamén solicitará ao goberno local que as familias con poucos recursos, que conten cun informe favorable dos Servizos Sociais, non teñan que pagar os intereses correspondentes.

“Aínda que non coñecemos se ten que ser o ORAL ou o Concello de Nigrán quen ten as competencias para outorgar estes fraccionamentos ou aprazamentos, os dous teñen previsto nas súa normas o fraccionamento de débedas”, recorda Cuevas.

“O goberno de Nigrán non pode poñerse de perfil ante este problema, polo que Nigrán Decide lle esixe ao goberno municipal, primeiro que intente aplicar a medida de pasar unicamente dous recibos anuais, e se non é posible que poña todos os medios de información necesarios para que o pago destas débedas sexa o menos prexudicial posible para as familias afectadas”.