
Brais Gómez Cima, do Club Ciclista Ponteareas, conseguiu este domingo a vitoria no III Memorial Fernando Abad, proba puntuable para a Copa de Galicia Máster coa que o Tambre Bike homenaxea ao seu ex presidente, falecido mentres practicaba o seu deporte favorito. O bandeirazo de saída deuse ás 10:30 da mañá na Rúa da Cultura de Sigüeiro, no concello de Oroso, onde terminou a carreira despois de que os 126 corredores participantes, 26 deles júnior, completasen 80 quilómetros.
O baionés subiuse ao máis alto do podio na categoría júnior. Completou as dúas voltas de 37 quilómetros aproximadamente e unha volta ao circuíto final en 2:02:03. Martín Soutullo Trigo do Carballo a un Paso foi segundo cun tempo de 2:03:22 e Uxío San Martín Domínguez do Aluminios Cortizo-Anova terceiro tras cruzar a meta en 2:05:19.