Anuncios
Ticker de novas

O BNG esixe a humanización das rúas Otero Pedrayo e Manuel Lemos para apoiar os orzamentos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Estado das beirarrúas en Otero Pedrayo.

O BNG de Nigrán trasladou no pasado mes de febreiro ao goberno municipal as súas propostas para negociar o seu apoio aos orzamentos do 2018 que van a ser debatidos mañá xoves, sempre entendendo os orzamentos non coma un simple documento contable illado de todas as demais actuacións do goberno municipal, senón directamente vinculado ás mesmas, de tal xeito que, hoxe en día, son mais importantes as inversións que non veñen establecidas no propio orzamento que as que si especifica este.

“Neste sentido esiximos que con cargo ao remanente de tesouraría do 2017, que non figura no documento ao non estar dispoñible aínda, se acometan obras de humanización e seguridade viaria en dúas vías fundamentais do municipio”, sinala Xavier Rodríguez.

Unha é a rúa Otero Pedrayo, unha estrada moi utilizada que une Nigrán e Panxón e presenta un estado lamentable, e a outra a travesía da Ramallosa, rúa Manuel Lemos, que require de maneira urxente afrontar a súa humanización.

“Ambas as dúas son de titularidade autonómica, polo que solicitamos que o Concello redacte unha proposta de convenio para remitir á Xunta de Galicia”, engade o Portavoz Municipal do BNG.

Ademais, o edil nacionalista propón que con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019, dispoñible xa dende este ano, se acometa a renovación de calzada e beirarrúas do entorno da piscina mancomunada, que especialmente as situadas na súa parte posterior, rúa Valle Inclán e entradas interiores, presentan un grande deterioro, ao ser masivamente utilizadas como aparcamento do citado centro deportivo.

Para iso solicita que se empece xa a redacción do correspondente proxecto.

A maiores destas actuacións o BNG propuxo incluír xa no orzamento unha nova liña de axudas, destinada ás comunidades de augas e dotada con 50.000 euros, co obxectivo de apoialas nos seus gastos de mantemento e investimentos, así como diversas partidas para renovación de sinalización viaria e un estudo de ordenación do tráfico na contorna de A Ramallosa que valore a oportunidade de cambios que melloren a conxestión actual.

“Igualmente valoramos como imprescindibles intervencións en materia ambiental como o acondicionamento do río Nespereira ou acudir á convocatoria da Deputación para a creación de parques forestais”, afirma Xavier Rodríguez, que finalmente destaca a súa proposta de cubrir a pista polideportiva do colexio Humberto Juanes co obxectivo de convertela na pista deportiva do centro de Nigrán.

Anuncios