Sin categoría

Gondomar e Nigrán informan aos interesados en participar en Depotermal 2018

Os Concellos de Nigrán e Gondomar informan que xa está aberto o prazo de inscrición no programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2018”, no que poden participar todas aquelas persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que teñan nado antes do 1 de xaneiro de 1968 (ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas), que conten cun grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou necesiten respiro familiar.

As persoas interesadas en participar no programa de termalismo deberán cubrir o formulario de solicitude e entregar o xustificante xerado no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra ou nos concellos adheridos ao programa. O prazo de inscrición remata o 18 de abril. En Nigrán, poderán dirixirse (previa cita) aos Servizos Sociais, teléfono 986 365 000, mentres que en Gondomar poderán presentar e tramitar a solicitude no Departamento de Benestar Social, na Casa da Cultura.

En total, a institución provincial oferta 4.434 prazas, das cales 1.248 serán para o programa termal de asistencia diaria sen pernoita (cinco días consecutivos de asistencia aos establecementos termais) e 3.186 para o programa termal con pernoita (cinco días e seis noites aloxados nos establecementos termais). A Deputación de Pontevedra financia 248 prazas para o programa termal de asistencia diaria sen pernoita e 186 para o programa con pernoita, no caso de familias en situación e/ou risco de exclusión social.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Amais, ao desenvolverse en temporada turística baixa, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.