Anuncios
Ticker de novas

Gloria Pérez imparte en Baiona unha conferencia sobre “Ho, oponopono como filosofía de vida”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este venres, día 23 de marzo, o Auditorio da Casa da Navegación de Baiona acollerá ás 19:30 horas unha conferencia sobre “Ho, oponopono como filosofía de vida”, a cargo de Gloria Pérez, que falará sobre unha das ferramentas que máis influíu na súa experiencia vital cara ao benestar holístico. En termos sinxelos, “ho, oponopono” significa “facer o correcto” ou “rectificar un erro”. Segundo os hawaianos antigos o erro provén de pensamentos tinguidos polas memorias dolorosas do pasado. O “ho, oponopono” ofrece unha forma de liberar enerxía dos pensamentos dolorosos ou erróneos que son os que causan desequilibrio e enfermidade. Trátase de dar a coñecer novas técnicas que veñen complementar á medicina para unha educación saudable.

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, segue apostando pola divulgación científica que contribúe a dar pautas de prevención no ámbito da saúde e o benestar. Trátase do III Ciclo de Conferencias sobre Benestar e Saúde, no que se enmarca a actividade do venres, no que, durante 6 meses, 6 profesionais de diferentes disciplinas da saúde achegarán e compartirán coñecementos acerca de estratexias e recomendacións que contribúan a mellorar o noso benestar. Dirixidas a toda a poboación, e especialmente ao colectivo de persoas adultas, as conferencias xestiónanse cun obxectivo claro, contribuír a unha educación para a saúde que oriente ás persoas asistentes para alcanzar unha vida máis saudable a través de contidos e pautas de acción.

Anuncios