O goberno de Nigrán levará ao pleno deste mes a súa proposta de orzamento

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O goberno socialista de Nigrán nunha sesión plenaria.

O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno do 22 de marzo a súa proposta para a aprobación do orzamento de 2018 tras negociar o mesmo cos diferentes grupos, incorporar achegas de todos eles e engadir os investimentos do Plan Concellos 2018, tal e como se lle solicitara. Así, o importe total das contas pasa dos 13.609,581 € de 2016 a 15.676.749 € en 2018, todo elo sen incrementar ningún imposto municipal e situando como eixo prioritario a atención ás persoas.

Deste xeito, tras meses de traballo, a corporación acordou os investimentos que serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Neste apartado atópase o saneamento de Lagoíña, Xestal e Palomar (Priegue) e Areíña en Parada (46.272,83 €); a humanización da rúa do Ceán en Nigrán (101.245,21 €) e da rúa Igrexa en Chandebrito (82.678,53 €); a renovación das beiravías da contorna do Pavillón Municipal (101.626,25 €); acondicionamento da Rúa do Rial en Panxón (46.823,95 €); reforzamento da seguridade no muro do cemiterio de Camos (54.450,54€) e equipamentos polideportivos para as diferentes instalacións (43.946 €). Todo elo ascende a 676.030 €.

«Son unhas contas que o goberno considera froito do traballo conxunto con toda a corporación, polo que estamos seguros de que é o mellor dos orzamentos para toda a veciñanza. Agradecemos a disposición de toda a oposición a colaborar e desexamos manter este dialogo nos vindeiros exercicios», resume o alcalde, Juan González, quen destaca que, «por vez primeira en 20 anos non se dota ningunha partida para sufragar créditos porque o Concello actualmente carece de préstamos».

O documento reserva unha partida específica para a construción da nova biblioteca (1.849.000 €); incorpora un incremento de 55.000 € máis a Mancomunidade do Val Miñor para asumir os compromisos co GES (a achega total pasa de 190.000 a 245.000 €); reitera o compromiso con “Un Nigrán para todos” mediante a creación dun plan específico de emprego co Centro Juan María (54.000 €) e triplicar a partida de accesibilidade física e cognitiva con 75.000 €; ou incrementa o investimento en Igualdade de 15.000 € a 20.000 €.

Acorde co carácter progresista do goberno local, as contas deixan patentes unha vez máis a prioridade na atención ás persoas incrementando os investimentos en Asuntos Sociais en aspectos como Axuda a Domicilio de 165.000 a 185.000 € (12% máis), en Emerxencia Social de 15.000 a 20.000 € (significa un 300% máis respecto a 2015); obras de “Accesibilidade” (tanto física como cognitiva) dentro do proxecto “Un Nigrán para todos” de 25.000 a 75.000 €. Aspectos clave como Educación pasan de 30.000 a 45.000 € (supón un 50% máis que o orzamento de 2016, cando subiu dos 11.000 € de 2015 a 30.000 e reverterá directamente nas obras de mantemento dos centros).

Paralelamente, refórzase a través destas contas as accións encamiñadas ao fomento do emprego en xeral aumentando o investimento un 75%, de 40.000 € a 70.000 €. O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflexa subindo a partida de 15.000 a 20.000 € (un 33% máis).