Anuncios
Ticker de novas

Chandebrito recompila 750 topónimos da parroquia

FOTO: CHANDEBRITO 1807 // Presentación do libro "Toponimia de Chandebrito".

Este mércores presentouse o libro titulado “Toponimia de Chandebrito”, que recompila un total de 750 nomes de lugar situados nesta parroquia e nas zonas próximas a esta (en Coruxo, Valadares, Vincios e Camos).

Ao acto asistiron o Alcalde de Nigrán, Juan González, e varios concelleiros, representantes das agrupacións coordinadoras do libro, da editorial, do Instituto de Estudos Miñoráns, ademais de diversas veciñas e veciños.

Este traballo, proxecto da Asociación “Chandebrito 1807” e do Clube Espeleolóxico Maúxo, foi coordinado por Carlos Gómez Costas e Xavier Groba González e desenvolveuse durante todo o ano pasado, aínda que xa se realizara a busca de información no 2008 e 2009 partindo do libro “Historia de Chandebrito”, do ano 1997.

Con este traballo, ao igual que coa colocación de placas de pedra con topónimos gravados, preténdese recuperar, preservar e fomentar o uso dos nomes tradicionais dos lugares, como parte importante do patrimonio cultural, algo que durante centos de anos e ata hai pouco era imprescindible para a vida da veciñanza.

Desde a Asociación “Chandebrito 1807” agradecen novamente a súa colaboración ao equipo de traballo, editores, Colexio Estudio, Casa Turística das Rozadas, Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra, e especialmente aos case 30 informantes, auténticos protagonistas a quen lles dedican esta obra.

PRESENTACIÓN DO LIBRO "TOPONIMIA DE CHANDEBRITO"

FOTO: CHANDEBRITO 1807 // Presentación do libro “Toponimia de Chandebrito”.

Anuncios