Buscan xogadores para crear un equipo de fútbol gaélico no Val Miñor
Un grupo de xogadores do Keltoi FG de Vigo, da Liga Galega de Fútbol Gaélico, vencellados ao Val Miñor e co ánimo de fomentar o deporte nacional irlandés, promoven a creación dun club de fútbol gaélico en Gondomar co afán de que sexa para toda a comarca.
Os interesados en contactar poden facelo a través do correo electrónico turoniansvalminhor@gmail.com ou do Facebook Turonians Val Miñor. Os adestramentos, que comezarán o próximo 2 de abril, serán todos os luns no Campo Municipal das Cercas en Gondomar de 21:30 a 23:00 horas.
“A intención é ir vendo como evolucionan os adestramentos, se hai xente e compromiso o obxectivo é tirar para adiante e constituír un club para xogar a liga galega”, sinala Gonzalo Amorín, un dos promotores.
O fútbol gaélico (chamado en irlandés Peil Ghaelach ou Caid) é unha variante do fútbol xogado principalmente en Irlanda, sendo o deporte de máis popularidade dese país xunto co Hurling. Xógase en equipos de 15 xogadores nunha cancha de céspede rectangular con porterías en forma de H en ambos os dous lados. O obxectivo principal é anotar puntos pateando ou golpeando o balón coas mans e introducilo na portería rival. O equipo con máis puntos ao final do encontro gaña. Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo e pasándoo entre compañeiros de equipo.