Nigrán investirá 113.253 € nun parque deportivo e de ocio de 5.500 metros cadrados en San Pedro

O Concello de Nigrán sacou a licitación por 113.253,14 € a creación dun gran parque infantil e deportivo na contorna da rúa Ana Isabel Costas, ao lado do campo de fútbol municipal de Vilariño. Cun prazo de execución de 5 semanas, será este o primeiro espazo destas características na zona de San Pedro e con el se cumprirá cunha vella demanda veciñal. As empresas dispoñen ata o 26 de marzo para presentar as súas ofertas.

A parcela, de 5.500 metros cadrados e de titularidade municipal, permanece completamente en desuso e, dada a súa gran dimensión, o proxecto firmado por Martín Piñeiro expón a creación de dúas zonas: unha deportiva que dispoña de pista multideportes, e outra lúdica, de descanso e retiro.

«Trátase de recuperar unha gran superficie para o uso cidadán nunha zona que, precisamente, carece de parques para os máis pequenos», subliña o alcalde, Juan González.

A obra se iniciará coa retirada de toda a maleza acumulada na zona oeste e posterior homoxeneización da superficie para que quede continua. A parcela estará delimitada cunha baranda de aceiro galvanizado de 1 metro de altura con respecto á rúa e se dotará de iluminación mediante farois con fustes de 4 metros. Ademais, para dar sombra en diferentes puntos, plantaranse carballos.

O novo espazo contará cunha pista multideportes de 21,19×11,04 metros de formigón pulido con peche perimetral de 1 metro de altura en taboleiro de polietileno pola súa gran resistencia ao impacto e facilidade á hora de eliminar pintadas. A portería, coas dimensións regulamentarias, contará con rede antivandálica (feita con barrotes de aceiro inoxidable), tamén disporá de canastras para xogar ao baloncesto. Toda a pista estará iluminada con columnas.

Ademais, a zona de recreo estará dotada de bancos para o descanso de madeira con perfís metálicos, papeleiras e dúas fontes e a zona infantil contará con elementos de xogo como columpios, balancíns, e casiñas modulares sobre unha superficie de caucho. Ao lado da pista multideportes situarase unha gran tirolina.

O Concello de Nigrán investiu recentemente un total de 56.051 € na renovación dos parques infantís da Alameda de A Ramallosa, Gaifar (Panxón, fronte ao pavillón) e Centro Cultural ‘A Camoesa’ (Camos), ademais de crear un novo parque na Ramallosa e en San Roque (Camos). «Temos a punto de sacar a contratación outros dous novos parque infantís, queremos un Nigrán onde nenos e maiores poidan gozar de espazos de esparexemento», finaliza o alcalde, Juan González.

2018-03-15 - IMG_8591