Sin categoría

Liberado o condutor dun turismo que deu varias voltas de campá na AG-57

Os bombeiros do Baixo Miño liberaron esta mañá ao condutor dun turismo que quedou atrapado despois de dar o vehículo varias voltas de campá cando circulaba pola AG-57, en sentido a Baiona.

Segundo os datos facilitados ao 112, o sinistro produciuse ás 10:00 horas desta mañá cando o turismo se desprazaba pola Autoestrada en dirección a Baiona e, á altura do municipio de Nigrán, por circunstancias que aínda se descoñecen, comeza a dar varias voltas de campá.

Como consecuencia do forte impacto, o condutor queda atrapado no interior do vehículo e necesita da intervención dos bombeiros para poder saír do vehículo.

Así, unha vez liberado, o único ocupante do turismo puido ser atendido polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que, tras unha primeira observación, lle detectaron unha fractura nunha perna.

Ademais, os bombeiros explicaron que o vehículo sufriu importantes danos, o que impedía ao condutor saír.

Á parte dos bombeiros, cómpre salientar que neste operativo participaron, tamén, os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do GES do Val Miñor; e foi activado despois de recibir no CIAE 112 Galicia varias chamadas de condutores que informaban do accidente.