Anuncios
Ticker de novas

A Triple Corona Illas Atlánticas abre o prazo de inscrición para a proba entre as Cíes e Baiona

A Triple Corona Illas Atlánticas abre o próximo 20 de marzo o prazo de inscrición para a súa primeira competición, entre as Cíes e Baiona, de 15 km, que se celebrará o 8 de setembro.

En total haberá 150 prazas dispoñibles e as inscricións poderán realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com ata completar as prazas dispoñibles. O custo da inscrición é de 105 euros e inclúe: participación na travesía, traslado en barco desde Baiona ás Illas Cíes, camiseta conmemorativa, gorro e bolsa, cronometraxe electrónica por chip, cea ao finalizar a travesía, avituallamento sólido e líquido durante e despois da proba, seguro de responsabilidade civil e de accidentes, atención médica, placa conmemorativa para os nadadores que logren finalizar a proba, embarcacións de apoio e premio para os tres primeiros clasificados na categoría masculina e feminina.

A Triple Corona Illas Atlánticas é un reto de carácter competitivo que consiste en tres probas de natación cun percorrido total de 57 quilómetros que se disputarán entre 2018 e 2020 en augas das Rías Baixas. Este evento deportivo está a consolidarse como unha das citas máis importantes a nivel nacional e estranxeiro dentro do calendario de natación de augas abertas.

A Triple Corona Illas Atlánticas. 57km a nado consta de tres probas de natación de 15, 19 e 23 km de distancia –esta última unha das máis duras de España– que se disputarán nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra, entre 2018 e 2020. Cada unha das tres travesías sairá dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.

A primeira das tres probas, de 15 km, terá lugar o 8 de setembro entre as Illas Cíes e Baiona cun total 150 participantes de toda España e o estranxeiro. A segunda, en 2019, terá como punto de partida a praia do Almacén, na Illa de Sálvora, e de chegada, a praia de Cofín, no Grove, con 19 km de percorrido. A última, a máis longa con 23 km, arrancará da Illa de Ons e terminará en Combarro (Poio), pasando pola Illa de Tambo en 2020.

Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa. No caso da edición de 2018, a organización fará unha homenaxe á Arribada da carabela Pinta á praia baionesa de Ribeira con motivo do 525 aniversario da chegada de Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes coa noticia do descubrimento de América en 1493.

Un total de 150 nadadores de distintos puntos de España e o estranxeiro participarán na primeira proba da Triple Corona Illas Atlánticas entre Cíes e Baiona. O perfil medio do participante é o dun experimentado deportista que está afeito nadar travesías de longa distancia (máis de 10 km), e que conta cun excelente estado físico e forza mental para afrontar un reto destas características. Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes en cada travesía.

A Triple Corona Illas Atlánticas está organizada por Atlantic Extrem Sports e o club Tumetapersonal, organizadores da coñecida Travesía a nado Costa Serena, en Nigrán, que o pasado ano reuniu en Praia América a preto de 500 nadadores.

A proba conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, M+ Q España, Abanca, Galicia Calidade, Gadis e Head. Colaboran o Concello de Baiona, o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, o Monte Real Club de Yates de Baiona, a Consellería do Mar, Iberia, Powerade, Parador de Turismo de Baiona, Frutas Sol, Belagua Edicións, Wetsport Ladeira, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Kailúa, Aceba, Protección Civil de Vigo e O Val Miñor, o Club Náutico de Panxón, entre outros.

Anuncios