Anuncios
Ticker de novas

O Centro Juan María presenta o seu primeiro concerto benéfico para recadar fondos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Vanesa Gómez, David Leyenda e Noa Casal co cartel do evento.

O Centro Juan María presentou este luns o seu primeiro concerto benéfico, que se celebrará o vindeiro xoves 12 de abril ás 20:00 horas no Pazo de Cea de Nigrán, a cargo da Orquestra Clásica de Vigo. Os encargados de presentar o evento foron a alumna Noa Casal e os usuarios Vanesa Gómez e David Leyenda, coa presenza do alcalde, Juan González, e o presidente da entidade, Jose Santoro.

“Queremos aproveitar este evento tan especial, que nos regala a Orquestra Clásica de Vigo e o Pazo de Cea, para mostrar a todo o mundo do que somos capaces e para recadar fondos para a nosa asociación”, sinalan desde o Centro Juan María, que necesita 9.033,26 € para adquirir dous guindastres de teito que faciliten a mobilidade dos usuarios nas zonas da piscina terapéutica e os aseos.

Os mozos e mozas do Juan María encargaranse da montaxe, pegada de carteis, venda de entradas, roupeiro, cátering, acomodación, parking, cociña, reportaxes fotográficas e de vídeo, entrevistas, limpeza… e tamén terán a honra de poder tocar unha peza coa orquestra. “É unha oportunidade para nós e para toda a xente que decida compartir este día de festa, traballo e emoción”.

As entradas para o concerto, que estará presentado por Carlos Blanco, terán un prezo de 20 €, e poderán adquirirse no Centro Juan María (R/As Agullas, 12, Parada-Nigrán), Pazo de Cea (Camiño de Cea, 1, Nigrán), Cafetería Venus (Avda. Val Miñor, 2, Nigrán), Farmacia Loperena de Saa (R/Julián Valverde, 6, Sabarís), Farmacia Loperena (Avda. Monterreal, 2, Baiona), Panadería Copena (R/Eduardo Iglesias, 5, Gondomar), Tapería Adechape (R/Rosalía de Castro, 15, Gondomar), Roberto Joyero (R/Velázquez Moreno, 32, Vigo) ou Mercería Lolahilos (R/Teixugueiras, 38, Vigo).

Os que non poidan asistir pero desexen colaborar poden facelo a través da FILA 0.

Centro Juan María

Centro Juan María é unha asociación sen ánimo de lucro con máis de 30 anos de historia e enfocada no apoio, atención, formación e desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual co fin de conseguir a súa inclusión real en todos os ámbitos da sociedade.

Integrada e coordinada polos pais e nais dos usuarios, presta servizos de gran valor social a máis de 100 familias con membros que presentan altos niveis de discapacidade intelectual.

Declarada “Entidade de Utilidade Pública” no ano 1986, financiándose, desde entón, grazas á colaboración económica tanto de familias como de institucións de carácter público e privado, centra a súa actividade na provincia de Pontevedra, atendendo a persoas de Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos e Vigo.

Dispoñen de tres centros dos que a Asociación é titular: Centro Educativo, Centro Ocupacional e Centro de Día.

PRESENTACIÓN I CONCERTO BENÉFICO CENTRO JUAN MARÍA

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do I Concerto Benéfico Centro Juan María.

Anuncios